Hoxe é Luns 7 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello denuncia o abandono dos centros educativos de Redondela

5ce58195-3db4-4a9f-b854-f3ac700fc229

O Concello de Redondela reclama á Xunta de Galicia que acometa as reformas estruturais pendentes nos centros educativos do municipio e asuma as competencias que lle corresponden en materia de conservación e mellora das instalacións. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, trasladaron esta demanda durante unha visita ao CEIP Alexandre Bóveda con motivo do inicio do novo curso escolar.

A visita serviu tamén para comprobar os traballos realizados polo Concello durante o verán dentro do seu programa de mantemento dos centros educativos. O Goberno local considera que estas actuacións permiten dar resposta ás necesidades máis inmediatas, pero insiste en que existen problemas estruturais que non poden ser asumidos pola administración municipal.

Digna Rivas cualificou de “abandono total” a actitude da Xunta e criticou que o Goberno galego non respondera á solicitude de reunión remitida polo Concello en novembro de 2025 para abordar de maneira urxente a situación dos centros. Segundo explicou, a maior parte dos edificios escolares de Redondela teñen máis de 40 ou 50 anos e presentan necesidades de renovación que van máis alá das tarefas ordinarias de mantemento.

Un dos casos que máis preocupa ao Concello é o do CEIP Laredo, en Chapela. O estado da cuberta levou ao Concello a instalar en xaneiro de 2025 un valado perimetral de seguridade ante o risco de desprendementos. Segundo o Goberno local, a Xunta continúa sen concretar unha data para acometer a renovación integral do tellado.

A relación de deficiencias sinaladas polo Concello inclúe tamén danos na fachada e nas escaleiras do CEP Santa Mariña, problemas no sistema de calefacción do CEIP Outeiro das Penas e a ausencia de comedor escolar na EEI A Marisma. Neste último caso, o alumnado ten que desprazarse fóra do recinto educativo para utilizar un local cedido polo propio Concello.

Tamén existen necesidades relacionadas coa eficiencia enerxética. Os centros de Cedeira e Alexandre Bóveda, entre outros, precisan renovar as fiestras, mentres que diferentes colexios presentan problemas nos baños e nas pistas deportivas exteriores, que segundo o Executivo local xa alcanzaron o final da súa vida útil.

No caso do IES Pedro Floriani, o Concello sinala ademais que as novas aulas carecen de calefacción e conexión a internet e que o pavillón deportivo presenta pingueiras. Para Rivas, esta situación evidencia a necesidade de que a Xunta planifique e execute investimentos de maior alcance para modernizar unhas infraestruturas educativas que considera “obsoletas”.

A alcaldesa lembrou que Redondela é un dos municipios da provincia de Pontevedra que conta cun maior número de centros públicos e acusou á Xunta de “precarizalos e menosprezalos” ao non atender, segundo o Concello, as súas necesidades básicas de funcionamento.

Coincidindo coa visita aos centros, o Concello iniciou tamén o reparto gratuíto de 2.139 axendas escolares entre o alumnado de Primaria e Secundaria dos centros públicos de Redondela.

A edición deste ano está protagonizada polo bote “Manuel”, unha embarcación tradicional da enseada de San Simón vinculada á memoria histórica do municipio. O bote, recuperado polo Concello e actualmente exposto no Museo Meirande, forma parte do patrimonio mariñeiro de Redondela.

A través das axendas, o Concello pretende achegar esta historia ás novas xeracións. A embarcación foi utilizada a finais dos anos trinta para transportar clandestinamente a persoas xudías que fuxían do réxime nazi e tamén para abastecer a illa de San Simón durante o período no que funcionou como cárcere franquista.

O Goberno local sinala que a iniciativa busca combinar o material escolar cunha finalidade divulgativa, achegando ao alumnado elementos do patrimonio marítimo e da memoria histórica de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará