Félix Lavandeira, Daniel Díaz, Beti Blanco e Daniel Boullosa
O Centro Recreativo e Cultural de Redondela amplía a súa oferta cultural e educativa coa posta en marcha dunha nova escola de música, que comezará a funcionar este mes da man de Proarte. A iniciativa nace coa intención de achegar a formación musical a persoas de todas as idades e niveis, desde nenos e nenas que teñan o seu primeiro contacto coa música ata alumnado que queira prepararse para continuar estudos profesionais.
A escola ofrecerá formación en guitarra, guitarra eléctrica e acústica, baixo, batería, teclados, piano e canto, ademais dunha proposta específica de educación musical infantil para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos. O proxecto combina un itinerario orientado a quen busca unha formación máis profesional cunha modalidade libre, pensada para aquelas persoas que simplemente queren aprender a tocar un instrumento ou achegarse á música como actividade de lecer.
Segundo explica Daniel Boullosa, responsable do Centro Recreativo e Cultural, a creación da escola encaixa coa vontade da actual directiva de converter o edificio da rúa Ernestino Otero nun verdadeiro espazo de encontro social e cultural. “Temos que facer unha aposta clara pola cultura e estamos agradecidos a Félix Lavandeira e Daniel Díaz de Proarte por unirse ao proxecto”, sinala.
A intención é afastarse dunha estrutura ríxida e adaptar a aprendizaxe aos obxectivos, idade e nivel de cada alumno. As clases serán principalmente para unha ou dúas persoas, o que permitirá aos docentes facer un seguimento moi próximo da evolución de cada estudante.
“Non traballamos con máquinas, traballamos con persoas. Cada persoa é un mundo e ten a súa propia mochila”, explica Félix Lavandeira. O docente defende unha metodoloxía na que o importante é que cada alumno vaia avanzando ao seu ritmo e sexa consciente da súa evolución. A proposta parte así dunha premisa clara: facer a formación accesible “a calquera persoa, a calquera idade, a calquera nivel e en calquera momento”.
Música para recuperar a tradición das bandas locais
O proxecto tamén mira cara á tradición musical de Redondela. A intención agora é contribuír a manter esa cultura de bandas e de música feita en grupo. Consideran que Redondela conta cunha “base moi grande” e que é importante que esa tradición non se perda. “Oxalá volva haber moitas bandas en Redondela”, apuntan os docentes.
A música ten ademais unha importante dimensión social. Máis alá da formación técnica, reivindican o feito de reunirse para tocar, ensaiar e compartir unha actividade. “É unha terapia que se xunten os colegas. O importante é xuntarse e tocar, ben ou mal”, sinalan, destacando que a escola pode ofrecer ferramentas para que quen comece con dificultades poida ir mellorando progresivamente.
Tres docentes e aulas específicas
A escola estará atendida inicialmente por tres docentes. Daniel Díaz será o responsable da área de guitarra, incluíndo guitarra eléctrica, acústica e española; Félix Lavandeira impartirá batería e outras materias vinculadas á formación musical; e Julia Rodrigues estará á fronte das clases de canto e piano.
As instalacións están acondicionadas especificamente para acoller a actividade musical e contan con material para quen non dispoña de instrumento. O centro habilitou diferentes aulas que estarán destinadas á escola, con especial atención á acústica e á insonorización.
O proxecto aproveitará ademais unha localización pouco habitual para este tipo de ensinanzas: as aulas están situadas no ático do edificio do Centro Recreativo, cunhas vistas privilexiadas sobre a Alameda. O obxectivo é que sexan espazos cómodos e equipados para facilitar a aprendizaxe.
Inscricións abertas
O prazo seuge aberto e, segundo explican desde a organización, a resposta inicial está sendo positiva. As persoas interesadas poden solicitar información e formalizar a matrícula a través do Centro Recreativo e Cultural, ben por teléfono ou acudindo pola tarde á secretaría do propio centro.











