Foto cedida
A Asociación de Veciños de Chapela denuncia que a nave de ArcelorMittal situada na rúa José Fernández López está a realizar obras a pesar de que continúa en curso o procedemento contencioso-administrativo relacionado coa suspensión municipal da actividade. A entidade veciñal asegura que xa puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Redondela, que trasladou o asunto á Policía Local para a súa comprobación.
Segundo explica a asociación, os traballos continuaron a pesar desta comunicación, polo que reclama que se aclare que tipo de actuacións se están a executar no interior ou na contorna da instalación e se contan coas correspondentes autorizacións administrativas.
A situación prodúcese no marco do conflito aberto arredor da actividade que ArcelorMittal desenvolve nesta localización. O Concello de Redondela decretou o pasado mes de abril a suspensión inmediata da actividade industrial da empresa ao constatar, segundo os informes dos servizos técnicos municipais, que a nave carecía do título habilitante. A resolución municipal ordenaba o cesamento do almacenamento de bobinas de chapa de aceiro e abría tamén un expediente de reposición da legalidade urbanística.
A medida chegaba despois das denuncias presentadas pola Asociación de Veciños, que xa no verán de 2025 advertira de que a actividade se estaba a desenvolver sen licenza municipal. Segundo a información publicada entón, a situación administrativa da nave remóntase a 1992, cando a antiga ENSIDESA solicitou unha licenza que nunca chegou a ser concedida.
Desde a entidade veciñal lembran ademais que a instalación, de máis de 6.000 metros cadrados e situada nunha zona cunha elevada densidade residencial, soporta un importante movemento de vehículos pesados e actividade industrial. Os colectivos de Chapela veñen reclamando nos últimos meses o traslado da empresa a solo industrial e a recuperación destes terreos para usos públicos. En abril, o Consello Parroquial apoiou tamén a proposta de modificar o uso previsto para este espazo no PXOM e reclamou a non renovación do alugueiro da nave por parte de Adif cando remate o contrato existente.









