Hoxe é Mércores 2 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Club de Tenis e Pádel pecha con éxito o VIII Memorial Sesé López tras reunir 182 participantes

WhatsApp Image 2026-09-01 at 09.41.36

Equipo e voluntariado do club

O Club de Tenis e Pádel Redondela pechou este pasado sábado a oitava edición do Aberto de Tenis e Pádel Memorial Sesé López, unha das citas deportivas xa habituais do verán no municipio. O torneo, desenvolvido entre o 19 e o 29 de agosto, reuniu 182 xogadores e xogadoras nas diferentes competicións de tenis e pádel.

As finais celebradas durante a xornada do sábado puxeron o punto final a varios días de competición, pero tamén de convivencia entre os participantes. Desde a organización e o propio club fan unha valoración moi positiva da edición, tanto pola elevada participación como polo ambiente vivido nas instalacións, destacando que “todo transcorreu con normalidade e cunha gran convivencia entre deportistas, familias e persoas vinculadas ao torneo”.

Resultados do pádel

Na Primeira categoría masculina de pádel, o título foi para Mateo Reguera e Luis Gómez, mentres que Javier e Mateo Orge quedaron como subcampións. Na Segunda masculina, os campións foron Eduardo Oitaven e Pablo Couñago, con Alejandro Calvar e Víctor del Valle como subcampións. Na Terceira masculina, a vitoria correspondeu a Pablo Lorenzo e Miguel Velasco, fronte a José Carlos Novelle e Pablo Orozco.

No cadro feminino, a Primeira feminina rematou co triunfo de Inés Domínguez e Raquel Freire, mentres que Ainara López e Andrea Pousadas conseguiron o subcampionato. En Segunda feminina, Sonia Vidal e Puchy Gotero levaron o título e Lourdes García e Eva Castellano foron subcampioas. Finalmente, na Terceira feminina, Eli Román e Pilar Hernández proclamáronse campioas, con Sara Darriba e Tete Míguez na segunda posición.

O programa de pádel completouse con dúas categorías mixtas. En Primeira Mixto, os campións foron Mateo Reguera e Paulo Reguera, mentres que Macarena Celestino e Álex Castellano foron subcampións. Na Segunda Mixto, o título foi para Verónica Rosada e César Couñago, con Nuria Míguez e Fernando Míguez como segundos clasificados.

Resultados do tenis

En tenis, Javier Reino proclamouse campión da categoría Absoluto Masculino, despois de superar na final a Gael Alegre, que rematou como subcampión.

Na categoría de Veteranos, o campionato foi para Antonio Bas, mentres que José Acuña conseguiu a segunda posición. Nos Dobres Masculinos, a parella formada por Domingo Pérez e Javier Reino fíxose co título, con Emilio Argibay e Miguel Bas como subcampións.

Pola súa banda, no Dobres Mixto, a vitoria foi para María Pazo e Alexandre Pérez, mentres que Mónica Carreira e Antonio Bas ocuparon a segunda posición.

Os premios do Memorial Sesé López consistiron nun trofeo para os subcampións, mentres que os gañadores recibiron ademais do trofeo un lote de produtos Albo e un galardón que lles permite contar coa inscrición gratuíta para o próximo ano. A entrega contou coa presenza do presidente do Club de Tenis e Pádel Redondela, José Argimiro Acuña; do Concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, e a Concelleira de Cultura de Rita Pérez, en representación das autoridades. Tamén participaron Chabela e Lucía, fillas de Sesé López, figura á que rende homenaxe o torneo.

A xornada de clausura aproveitouse ademais para facer entrega dos premios correspondentes á Liga Social do Club de Tenis e Pádel Redondela en ambas categorías, unha competición que se desenvolve ao longo do ano e que permite manter a actividade competitiva máis alá do propio aberto.

Tamén houbo palabras de recoñecemento para os patrocinadores, cuxo apoio permite manter o torneo ano tras ano; para a directiva do club, polo traballo desenvolvido durante todo o ano para garantir tanto a celebración do Memorial como a actividade habitual dos máis de cen deportistas que forman parte da entidade; e para os propios deportistas e as súas familias, polo seu compromiso e participación. Un agradecemento especial foi para o equipo de voluntarios, que durante estes días puxo tempo e esforzo ao servizo do torneo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará