A Sociedade Cultural do Viso pon en marcha o novo curso 2026-2027 cunha nova programación de actividades culturais e de ocio dirixida a persoas de diferentes idades. A entidade mantén os seus obradoiros de música tradicional e artesanía, con propostas que van desde a gaita e a percusión ata a pandeireta, xunto con obradoiros de traballo do coiro e restauración de mobiliario.
As primeiras actividades xa arranca esta semana coa formación de gaita e percusión tradicional, que se desenvolverá os xoves e venres pola tarde da man de Manuel Cruces. Os xoves haberá un grupo de iniciación, mentres que os venres as clases desenvolveranse de 18:30 a 21:30 horas. Trátase dunha actividade con grupos reducidos e na que aínda quedan prazas dispoñibles.
A programación de música tradicional complétase co obradoiro de pandeireta, que comezará o 15 de setembro e se impartirá os martes de 18:30 a 20:00 horas. As clases correrán a cargo do mestre pandereteiro e etnógrafo Luis Prego, vinculado tamén ao grupo Ardentía. Desde a Sociedade Cultural do Viso sinalan que esta actividade conta habitualmente cunha boa aceptación e que tamén dispón de prazas libres.
No apartado de artesanía, o obradoiro de coiro comezará o 23 de setembro, os mércores de 17:00 a 20:00 horas, mentres que o curso de restauración de mobles e tapicería arrancará o 2 de outubro e terá lugar os venres, no mesmo horario. Ambos os dous obradoiros teñen unha duración de 30 horas e unha cota de inscrición de sete euros, dentro das propostas formativas da Deputación de Pontevedra.
No caso da música tradicional, as clases teñen un custo mensual de entre 15 e 20 euros. Covelo explica que se trata dunha achega destinada a sufragar o profesorado e que busca manter unhas tarifas accesibles para facilitar a participación da veciñanza.
Música tradicional para todas as idades
Un dos sinais de identidade da Sociedade Cultural do Viso é precisamente a aposta pola transmisión da cultura e das tradicións galegas. O presidente da entidade, Xosé Covelo, destaca que as actividades de música tradicional están abertas a persoas de diferentes idades, desde cativas e cativos ata adultos.
Covelo recoñece, con todo, que a música tradicional atravesa unha situación diferente á de hai dúas décadas. Segundo explica, “Redondela contaba hai anos con numerosos grupos de baile tradicional e máis formacións de pandeireteiras, mentres que na actualidade o número de
Por iso, fai un chamamento á veciñanza para recuperar o interese pola gaita, a percusión e a pandeireta como unha vía para preservar un legado cultural que está estreitamente ligado ás festas, romarías e tradicións de Galicia.
Inscricións abertas
As persoas interesadas en participar poden solicitar información ou formalizar a inscrición a través do correo acsmviso@gmail.com ou mediante WhatsApp no teléfono 656 938 058.









