
O Club de Remo de Chapela non continuará a próxima tempada na Eusko Label Liga, a máxima categoría do remo en banco fixo, despois de confirmar o seu descenso na última xornada do campionato, disputada este domingo na Bandeira de Ares. A traiñeira Berete pecha así unha tempada de aprendizaxe na elite na que competiu ata o final pola permanencia e na que acabou sumando 53 puntos.
O descenso obriga agora a facer balance dunha campaña na que os pequenos detalles acabaron sendo determinantes. Para o adestrador do equipo masculino, Juan Zunzunegui, a falta de experiencia foi un dos factores que máis pesaron no desenlace. “Desde o punto de vista técnico puido faltarnos un pouco de coñecemento dos campos de regatas, da competición e un pouco de experiencia para poder asegurar a permanencia”, explica.
Zunzunegui considera, con todo, que a distancia coa permanencia foi moito máis reducida do que pode indicar a clasificación. “Con un pouco de sorte eu creo que tamén poderiamos, porque perdemos bastantes puntos por menos dun segundo”, sinala. Ao seu xuízo, pequenos axustes durante a tempada poderían ter cambiado o escenario final: “Afinando algúns detalles poderiamos ter unha situación máis cómoda na Eusko Label Liga e manter a categoría”.
A análise do técnico apunta así a unha competición extremadamente igualada na zona baixa, na que cada segundo podía traducirse en varios puntos na clasificación. Chapela mantivo durante boa parte da campaña a loita directa pola permanencia, pero os resultados dalgunhas xornadas acabaron facendo que chegase á última cita sen marxe suficiente.
O adestrador sitúa a regata de San Juan como un dos mellores exemplos do nivel alcanzado polo equipo. “Desenvolvémonos bastante ben durante toda a regata e fixemos un bo resultado”, apunta. Tamén destaca a actuación na Bandeira de Santurtzi, nun escenario no que as condicións da corrente complicaban a regata. “O tema da corrente era un pouco complicado, pero traballámolo bastante ben, o patrón fixo os percorridos moi ben, optimizamos un bo resultado”, sinala.
Para Zunzunegui, ambas competicións representan o tipo de actuación que Chapela debe ser capaz de repetir se quere regresar á máxima categoría: “Foron dúas regatas bastante completas”.
No extremo contrario, o técnico recoñece que tamén houbo unha xornada na que o equipo non conseguiu adaptarse ás circunstancias. “Non houbo unha regata especialmente igual á do resto polas condicións ou polo cambio de formato. Pillounos un pouco todo á carreira e non nos adaptamos ben”, explica, sinalando esa cita como a peor actuación da tempada.
Pero se hai unha regata que, ao seu xuízo, acabou tendo unha importancia especial no desenvolvemento da loita pola permanencia foi a Bandeira de Hondarribia. Zunzunegui lembra que Chapela tiña ben encamiñada aquela xornada, pero non conseguiu completar a regata como esperaba.
Na recta final, Chapela chegou así á Bandeira de Ares consciente de que necesitaba unha combinación de resultados para manterse. Finalmente, San Juan conseguiu asegurar a permanencia, mentres Chapela non puido abandonar as posicións de descenso directo. Ares, pola súa banda, terá que disputar o playoff de permanencia.
Máis aló do descenso, Juan Zunzunegui considera que a experiencia acumulada debe servir como punto de partida para o futuro. O técnico fixa varias prioridades para que o club poida afrontar con maiores garantías un eventual regreso á elite.
“O primeiro é manter o equipo, poder reforzarnos, madurar e traballar cos que están subindo de categorías”, explica. A súa aposta pasa por dar continuidade ao bloque que competiu esta tempada e, ao mesmo tempo, incorporar novos remeiros que permitan elevar o nivel da embarcación.
Zunzunegui tamén destaca o coñecemento adquirido polo propio club durante esta primeira experiencia recente na máxima categoría. “A directiva xa gañou en experiencia, xa sabe o que temos que facer neste tipo de competicións”, sinala.
A análise deportiva coincide coa valoración realizada polo presidente do Club de Remo de Chapela, Antonio Viaño, que, a pesar do descenso, defende o traballo realizado durante a campaña. O dirixente lembra que o equipo acadou 53 puntos e considera que Chapela “deu a talla” nunha competición de enorme esixencia.
“Sabemos que o ideal sería non descender e manter a categoría, pero sabiamos que estaba moi complicado e que o nivel é moi alto”, sinalou Viaño, que puxo tamén en valor a mocidade dun bloque que afrontou a competición con pouca experiencia na elite.
Viaño tamén mira xa cara ao futuro e aposta por reconstruír e reforzar os equipos para tentar regresar á máxima categoría. “Temos a capacidade para volver en 2027 a facer o mesmo que no 2025”, afirmou, amosándose convencido de que a traiñeira berete pode volver á Liga ACT.
A Bandeira da Concha, a seguinte oportunidade
Antes de pechar definitivamente a tempada, Chapela ten aínda por diante unha das grandes citas do calendario: a Bandeira da Concha, en Donostia. A clasificatoria disputarase este mércores e volverá reunir ás mellores traiñeiras do panorama estatal.
A entidade afronta esta competición coa intención de competir polo acceso á final e poñer o broche a unha tempada na que o principal equipo masculino volveu medirse coa elite. Chapela xa conseguiu clasificar a súa embarcación feminina para a final en tres ocasións e a masculina unha vez, en 2012.









