As actuacións permitirán renovar máis de 700 metros de vías municipais, corrixir fochancas e fendas e mellorar a evacuación das augas pluviais en Soutoxuste
O Concello de Redondela continúa coa execución do Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, unha actuación que contempla a mellora de máis de 80 vías repartidas polas diferentes parroquias do municipio. Nesta ocasión, o Goberno local mobiliza máis de 79.600 euros para actuar no Camiño da Capela e na Estrada da Aldea, en Soutoxuste, e no Camiño do Arcipreste, en Ventosela.
No barrio de Soutoxuste, na parroquia do Viso, o Concello investirá 26.000 euros no pavimentado do Camiño da Capela. Os traballos desenvolveranse en dous tramos que suman máis de 300 metros e permitirán renovar por completo o firme, que contará cunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor.
O primeiro tramo abrangue desde a edificación número 24 ata a parcela 858 do Polígono 1, mentres que o segundo discorre desde o número 1 ata o cruce co camiño Sobreiral. Ambos os treitos teñen unha anchura media de 4,5 metros. Ademais da renovación do pavimento, está previsto repintar as marxes da vía.
Desde o Goberno local sinalan que esta actuación permitirá mellorar as condicións de circulación nunha vía utilizada diariamente pola veciñanza e que se integra na estratexia municipal de equilibrio territorial, coa intención de levar os investimentos ás diferentes parroquias e núcleos de poboación de Redondela.
Tamén en Soutoxuste, o Concello acaba de adxudicar por 37.268 euros as obras de mellora da Estrada da Aldea, que comezarán proximamente. A actuación afectará a un tramo de 250 metros no que o pavimento presenta actualmente fendas e fochancas provocadas polo desgaste.
Un dos principais obxectivos desta intervención será, ademais de renovar o asfaltado, solucionar os problemas relacionados coa evacuación das augas pluviais. Para iso, os traballos incluirán o entubado da cuneta, unha actuación destinada a mellorar o drenaxe da vía e evitar que a acumulación de auga siga contribuíndo ao deterioro do firme.
O novo pavimento permitirá mellorar as condicións de seguridade tanto para os vehículos como para as persoas que utilizan a estrada a pé. O Concello advirte de que durante a execución dos traballos será necesario coordinar os dispositivos de tráfico e pide á veciñanza comprensión polas posibles molestias temporais.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que a actuación na Estrada da Aldea responde a “unha demanda histórica e moi necesaria para o barrio de Soutoxuste”. A rexedora sinalou tamén que unha das prioridades do Goberno local é “cohesionar o territorio e garantir que o investimento municipal chegue a todos os núcleos de poboación”.
Pola súa banda, en San Martín de Ventosela, o Concello acometerá a renovación dun tramo de 145 metros do Camiño do Arcipreste, unha vía que presenta actualmente un importante deterioro do firme, con fendas estruturais e numerosos baches que dificultan a circulación.
Esta actuación conta cun orzamento de 16.423,40 euros e terá un prazo estimado de execución de dous meses. O tramo a renovar ten unha anchura media de catro metros e os traballos permitirán recuperar unhas condicións adecuadas de circulación e mellorar a seguridade das persoas usuarias.
Tanto esta intervención como as actuacións previstas no Viso forman parte do Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, dotado con 2,7 millóns de euros e financiado con fondos propios do Concello. Segundo explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, foron os propios colectivos dos Consellos Parroquiais os que determinaron os camiños nos que era prioritario intervir. O plan foi aprobado por unanimidade.











