Chapela vivirá esta fin de semana unha dobre cita gastronómica organizada polo Círculo Cultural Recreativo de Chapela, que reunirá veciñanza e visitantes no paseo marítimo con motivo do seu 59 aniversario. A programación comezará o sábado 29 de agosto coa tradicional Festa da Sardiña e continuará o domingo 30 coa Churrascada Popular.
O sábado, a partir das 19:00 horas, celebrarase a Festa da Sardiña, para a que se prepararán arredor de 300 quilos deste peixe. Os socios do Círculo poderán gozar de forma gratuíta dun quilo de sardiñas acompañado de pan de trigo, mentres que será posible adquirir quilos adicionais por 10 euros. As persoas non socias tamén poderán participar na festa por 10 euros.
A xornada completarase con viño tinto e branco, cun prezo de 6 euros por botella. Ademais, a partir das 21:00 horas haberá unha actuación musical para prolongar a celebración no paseo marítimo de Chapela.
O domingo 30 será a quenda da Churrascada Popular, que dará comezo ás 14:00 horas e contará con aproximadamente 250 quilos de churrasco. A proposta gastronómica inclúe unha ración de churrasco, un criollo, pan e media botella de viño por 11 euros.
Para os máis pequenos tamén haberá un menú infantil, con media ración de churrasco, medio criollo, pan e un refresco, cun prezo de 6 euros.
A partir das 16:00 horas, a música e a animación tomarán o relevo da gastronomía, nunha tarde pensada para compartir en familia e entre amizades no paseo marítimo.
Con estas dúas xornadas, o Círculo Cultural Recreativo de Chapela convida a celebrar o seu 59 aniversario arredor da gastronomía e da música.











