O Concello de Redondela ten aberto o prazo para solicitar dúas importantes liñas de axudas destinadas ás familias de cara ao curso 2026/27: as subvencións para libros e material escolar en Educación Infantil e as bolsas de comedor escolar.
No caso das axudas para libros e material escolar, están dirixidas ás familias con nenos e nenas de entre 3 e 5 anos escolarizados en centros públicos de Redondela. As persoas beneficiarias recibirán un vale dun importe máximo de 70 euros por cada menor, que poderá trocarse por libros e material escolar nas librarías do municipio adheridas á convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de xullo.
Pola súa banda, o Concello tamén abriu a convocatoria das bolsas de comedor escolar, incrementando nun 25 % a partida destinada a estas axudas, que pasa dos 40.000 aos 50.000 euros. Están destinadas ao alumnado con praza no comedor dos centros públicos que faga uso do servizo un mínimo de tres días á semana. A concesión terá en conta criterios económicos e a situación sociofamiliar das familias, valorados a través dos informes do departamento municipal de Servizos Sociais.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas bolsas buscan “garantir a escolarización, compensar posibles carencias de tipo familiar ou económico, evitar situacións de risco social e asegurar unha nutrición axeitada”, e destaca o compromiso do goberno local co reforzo das políticas sociais. Desde 2019, o orzamento destinado a estas axudas medrou de 20.000 a 50.000 euros.
A concelleira Iria Vilaboa lembra que no pasado curso 58 nenos e nenas beneficiáronse das bolsas de comedor e que todas as familias que cumprían os requisitos e presentaron a documentación obtiveron a axuda.
As solicitudes para ambas as convocatorias poden presentarse a través da sede electrónica do Concello, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, na oficina municipal de Chapela ou en calquera dos rexistros oficiais establecidos pola lexislación vixente. As bases das convocatorias poden consultarse na páxina web do Concello de Redondela e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.









