Redondela converterase este sábado 11 de xullo nun dos puntos de referencia da música electrónica en Galicia coa celebración dunha nova edición organizada por Outsomnia e Insomnia Club, unha proposta que ofrecerá máis de doce horas ininterrompidas de música repartidas entre dous escenarios: o Brisa Chiringo, durante a tarde, e a sala Alma, xa na sesión nocturna.
Segundo explica Alexandre Portela, coñecido artisticamente como Parking Dust e un dos organizadores do evento, esta colaboración nace da unión de dúas “marcas irmás”. “Ademais do evento en si, aproveitamos esta data para promocionar o Senda Festival, que este ano trasládase a agosto. Queremos abrir boca en Redondela e ofrecer unha proposta cun ambiente e un espírito moi semellantes aos que se vivirán despois en Pontevedra”, sinala.
A programación arrancará ás seis da tarde no Brisa Chiringo, onde o público poderá gozar dunha selección musical adaptada ao espazo ao aire libre. Portela explica que nesta ocasión apostan por unha sesión máis orientada ao house e outras variantes. “Outros anos optabamos por estilos máis duros, pero un lugar como Brisa, ao lado da praia e nun ambiente tan aberto, invita a outro tipo de sonoridades. Non será unha proposta comercial, senón unha selección moi coidada de artistas coa súa propia identidade, que irán facendo medrar a sesión de forma progresiva”, indica.
Entre os nomes da tarde destacan DJ Swisherman, artista pontevedrés cunha crecente proxección internacional; Certain People, outro referente da escena electrónica galega; a madrileña EMi Koto, que está a publicar en selos especializados de prestixio; e o back to back formado por Alexandre Laeddis e Hugo Kay.
Ao remate da sesión diúrna sobrea as dúas da madrugada, a festa trasladarase á sala Alma, onde o protagonismo será para un techno máis orientado ao ambiente de club. “Será un techno bailable, sen excesiva dureza, pensado para pechar a xornada da mellor maneira”, resume o organizador.
Na sesión nocturna actuarán Tessa, unha das DJs viguesas con maior proxección na actualidade; HØchspannung, veterano da escena galega procedente da Coruña; e Rudolph Fenz, tamén de Vigo.
Portela explica que a decisión de ampliar o formato responde á boa acollida das edicións anteriores.
As entradas poden adquirirse por separado para cada un dos espazos ou mediante un abono con acceso aos dous eventos. A organización tamén habilitou un servizo de autobús desde Pontevedra ata Brisa e coordinou unha pequena flota de taxis para facilitar o traslado entre ambos escenarios e evitar interrupcións na programación.
A xornada servirá así como antesala do Senda Festival, unha cita xa consolidada no calendario galego que se celebrará os días 28, 29 e 30 de agosto en Pontevedra.










