Foto: Asociación Triana de Vigo
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, aproveitou o acto de clausura do evento celebrado esta fin de semana no Campo da Feira, para expresar o seu respaldo á continuidade da iniciativa e anunciar a disposición do Concello a colaborar na súa organización o vindeiro ano. Durante a súa intervención lamentou tamén o “ruído” xerado arredor da Feira de Abril, que foi obxecto de críticas por parte de veciñanza e colectivos culturais, que cuestionaron tanto o uso de fondos públicos para sufragar a celebración como o seu encaixe dentro da programación cultural do municipio.
Unha carpa instalada no Campo da Feira converteuse esta primeira fin de semana de xullo no escenario dunha cita inspirada na tradicional Feira de Abril sevillana. O intenso calor, con temperaturas máis propias da capital andaluza que da vila dos viadutos, acompañou unha celebración promovida pola Asociación Cultural Triana e a Casa de Andalucía de Vigo, coa colaboración e financiamento da Deputación de Pontevedra e do Concello de Redondela.
Lonxe de esquivar a polémica, Rivas referiuse expresamente ás críticas durante o acto de peche. A alcaldesa lembrou que “hai moitos veciños e veciñas que forman parte da Casa de Andalucía” e pediu “perdón e desculpas” polos comentarios que, ao seu xuízo, puideron afectar ás persoas vinculadas á entidade.
A rexedora agradeceu o traballo desenvolvido polas asociacións organizadoras e convidounas a regresar o próximo ano. “Do mesmo xeito que colaboramos con todas as asociacións e colectivos que o solicitan, tamén o facemos coa Asociación Cultural Triana e coa Casa de Andalucía”, afirmou, defendendo así o apoio institucional prestado á iniciativa e deixando entrever que o Concello manterá esa colaboración nunha segunda edición da Feira de Abril en 2027.










Unha resposta
O que lle encanta a alcaldesa meterse en xardíns. A xente é libre de opinar e dicir o que lle parece ben e mal, a crítica non é algo malo en si; non ten que falar como alcaldesa, en nome da sociedade redondelá, para decir se é ruído ou pedir desculpas. Non ten que meterse neste xardín, que faga o que di e que o ano que ben, coas eleccións municipais, apoie a celebración de novo deste evento se é o que quere.