Hoxe é Luns 6 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Cesantes celebra por todo o alto o ascenso á Segunda Futgal

WhatsApp Image 2026-07-06 at 09.45.15

O equipo sénior do CD Cesantes viviu este sábado un día histórico ao celebrar coa súa afección o ascenso á Segunda Futgal. Tras unha tempada longa e dura, os de Raky saíron ás rúas de Redondela nun autobús descapotable para compartir a gran noticia, despois de agardar á confirmación oficial da Federación Galega. Unha xornada de festa que culminou no Campo da Gándara e que quedará gravada na memoria da familia do Cesantes.

O presidente Isaac Otero explicou que o club preferiu non celebrar nada ata ter a confirmación definitiva: “Non queríamos celebrar nada porque non sabíamos o que ía pasar polos descensos administrativos. Ata que a Federación nos dixo que estamos ascendidos 100%, nós non publicamos nada”. Engadiu que os xogadores “están emocionadísimos” e que este ascenso lles quitou “un peso de enriba” tras toda unha tempada loitando na cabeza da clasificación.

O capitán e xogador David contou como naceu a idea da celebración: “Isto do autobús empezou como unha broma que fixen a principio de tempada. Falamos no vestiario, comenteilles aos rapaces que se ascendiamos, íamos ser como os da Primeira División, que íamos alugar un autobús e ir polas rúas de Redondela para celebralo cun DJ, pasándoo ben. E ao principio todo o mundo pensaba que era broma”.

A broma acabou converténdose en realidade: “Foi complicado conseguir o autobús e pedir permisos, pero axudáronnos dende o Concello. Queremos tamén dar as grazas á Policía Local e a Protección Civil que estivo aí con nós, cortando o tráfico, axudándonos e celebrándoo connosco”.

Otero agradeceu o traballo de todos: “Todo isto é grazas aos xogadores, ao corpo técnico e á directiva. Estamos facendo unha piña espectacular, cos pais dos rapaces da base moi implicados. Nos partidos da fase de ascenso celebrados na casa sentimos moito apoio dos seareiros. Temos un equipo espectacular cun sentimento por este escudo que non ten nome”.

A celebración foi á altura do momento. Comezou ás 14:00 horas cun percorrido nun autobús descapotable que partiu do Bar Rivas, pasando pola Praia de Cesantes e o centro de Redondela. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, a festa continuou no Campo da Gándara con animación, sorpresas e a música do DJ Rodri Vega, que puxo o broche de ouro a unha xornada inesquecible para toda a familia do CD Cesantes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará