Hoxe é Xoves 21 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Julio Alonso presenta no Multiúsos o libro “Do baile da gaita á muiñeira”

julio

O acto terá lugar este venres 22 ás 20:30 horas e xunto ao autor estará o investigador e técnico do servizo de Normalización Lingúística de Redondela, Xurxo Martínez e a coordinadora de Novos Proxectos da Editorial galaxia. O acto contará tamén cunha interpretación musical a cargo de Alejo Amoedo ao piano e Xiana Teixieiro á gaita.

Editorial Galaxia publica Do baile da gaita á muiñeira, do redondelán Julio Alonso Monteagudo, un rigoroso e revelador estudo arredor da evolución da muiñeira como un dos grandes símbolos identitarios da cultura galega.

Froito da súa tese de doutoramento, a obra, publicada na colección Ensaio, percorre a historia da muiñeira desde as primeiras fontes escritas ata a súa consolidación como representación xenuína da música galega. O libro afonda nos mecanismos culturais e sociais que contribuíron á súa construción simbólica, partindo do chamado “baile da gaita”, denominación coa que este baile era coñecido na súa difusión pola Península Ibérica durante o século XVII.

Con este traballo, Julio Alonso ofrece unha investigación pormenorizada que combina análise histórica, musicolóxica e cultural para achegarnos unha nova mirada sobre unha das expresións máis recoñecibles da tradición galega que no século XIX pasaría a converterse nun símbolo identitario de Galicia “nesa altura, a aparición dos nacionalismo fai buscar elementos que reforcen a identidade propia de cada lugar e entre eles está a gaita como instrumento ou a muiñeira como baile que pasan a formar parte da narrativa identitaria”.

A cuberta do libro incorpora unha ilustración de Castelao pertencente a Os vellos non deben de namorarse, reforzando así o diálogo da obra coa memoria cultural e artística de Galicia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará