Infografía do futuro Centro de Negocios de Redondela
O proxecto de rehabilitación da antiga casa da Praza da Petanca que albergará o futuro Centro de Negocio e Viveiro de Empresas de Redondela sairá a licitación no primeiro semestre do ano. Así o vén de anunciar Zona Franca de Vigo tan só uns días despois de que o BNG criticara a falta de avances neste proxecto. O novo edifico contará con sala de reunións e usos múltiples para facilitar o traballo dos pequenos emprendedores. A obra suporá un investimento de 1,3 millóns e, unha vez rematada, o Concello asumirá o mantemento e xestión do imoble.
A actuación prevé a rehabilitación do inmoble situado na coñecida como Praza da Petanca unha vez que Zona Franca xa recibiu o informe positivo de Patrimonio a este proxecto “que era o trámite pendente para poder avanzar”.
O novo edificio será un complexo de emprendemento para dar resposta ás demandas do tecido empresarial e facilitar un maior e mellor servizo ás persoas emprendedoras.
O Consorcio de Zona Franca asumirá o custe do futuro Centro de Negocios cun investimento estimado de 1,3 millones de euros e está pendente da licencia de obra do Concello para licitar as obras que poderían comezar a final de ano.
A redacción do proxecto correu a cargo da UTE formada por Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. e Castroferro Arquitectos S.C.P. O obxecitvo é poñer en valor o edifico actual, cun marcado carácter representativo dunha época, dotándoa dun novo uso. Así, o novo inmoble contará con salas de reunións, salas de usos múltiples para coworkings e espazos para contido cultural/expositivo.
Unha vez que finalicen as obras do Centro de Negocios, Zona Franca seguirá colaborando co Concello na dinamización das instalacións pero será o Concello quen asuma a xestión do Viveiro, de iniciativa e promoción municipal, fixando os criterios de acceso para a selección dos proxectos nos que priorizará as propostas máis innovadoras e as que máis postos de traballo poidan crear, determinará o regulamento de funcionamento ou as tarifas. Encargarase tamén do mantemento do edificio, horarios, servizos ou ingresos, así como do persoal, que dependerá directamente do Consistorio.
O delegado do Estado, David Regades, sinalou que “unha vez conseguido o visto e prace de Patrimonio ao proxecto básico, temos o camiño aberto” e mostrouse optimista “coa gran oportunidade que se lles dá ás persoas emprendedoras e á capacidade de atracción de Redondela como centro empresarial”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “é unha moi boa nova para ou Concello e para toda a cidadanía de Redondela, porque este proxecto tan importante para a vila está máis preto de facerse realidade”.









