Rivas asegura que a partida destinada a Redondela ao abeiro do Plan +Provincia retirouse da orde do día da Xunta de Goberno da Deputación o día 20 de febreiro “sen que houbese ningunha razón técnica que o xustifique” sendo aprobada unha semana despois. Pola súa banda a Deputación critica que Redondela tardara tres semanas en formalizar a súa solicitude e sostén que a tramitación seguiu criterios técnicos e que o consistorio dispuña de marxe para avanzar nos procesos selectivos antes da resolución definitiva.
O goberno local, encabezado pola alcaldesa Digna Rivas, denunciou que a partida correspondente a Redondela foi retirada da orde do día da Xunta de Goberno do 20 de febreiro sen xustificación técnica, sendo aprobada finalmente unha semana despois. Segundo o Concello, este atraso obrigará a pospor a contratación de 11 persoas e dificultará que poidan gozar do máximo de nove meses de contrato previsto na axuda, xa que todos deben finalizar o 31 de decembro. Tamén critican que os prazos que fixa a Deputación son “moi axustados” para poder completar os procesos selectivos conforme á lexislación vixente.
Pola súa banda, a Deputación aclara que o prazo para solicitar as subvencións da liña 3 de activación do emprego abriuse o 5 de xaneiro e que Redondela formalizou a súa petición o 22 de xaneiro, case tres semanas despois. A institución provincial considera contraditorio falar agora de urxencia cando a solicitude non se presentou ao comezo do prazo. Ademais, lembra que as bases permiten aos concellos iniciar os procesos de contratación antes da aprobación definitiva, xa que a axuda ten carácter retroactivo para contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, polo que o consistorio podería adiantar os trámites e asumir inicialmente os custos salariais, que despois serían subvencionados.
A subvención foi finalmente aprobada o 27 de febreiro por importe de 247.823 euros. Con esta contía financiarase a contratación de seis peóns de obras e servizos e dous axudantes de servizos durante nove meses a xornada completa, así como tres guías turísticos durante seis meses, tamén a xornada completa.
Así, mentres o Concello atribúe o atraso na contratación á demora na aprobación da axuda, a Deputación sostén que a tramitación seguiu criterios técnicos e que o consistorio dispuña de marxe para avanzar nos procesos selectivos antes da resolución definitiva.









