O escritor vigués presenta este venres 7 ás 19:30 horas na Biblioteca Xela Arias de Chapela o libro “Blues da Florida” nun acto que contará coa presenza do director do Instituto de Estudos Vigueses, Xoán Carlos Abad. Ademais de falar do texto e achegar información en torno a un medio de transporte fundamental en Vigo e contorna durante máis de medio século, na charla haberá proxeccións que nos permitirán coñecer polo miúdo ese percorrido que facilitaba os desprazamentos da veciñanza de Chapela cara a cidade veciña.
Unha historia de nostalxia centrada nos anos 60, década na que o tranvía se despedía das rúas da nosa contorna substituído polas liñas de autobús e logo de medio século servindo como medio de transporte indispensable no sur da provincia. Un texto que ten detrás un arduo traballo de investigación e cuxo argumento parte dunha avaría a finais do ano 67, feito real que o autor toma como punto de partida para construír a súa novela.
Usuario na súa infancia do tranvía, entenden Barral que existe unha débeda con este medio de transporte, que foi fundamental para explicar o desenvolvemento urbano de Vigo, permitindo a mobilidade dos traballadores e do estudantado e supuxo, en definitiva, un servizo imprescindible durante máis de medio século que favoreceu a vertebración da cidade coa súa contorna “máis de 50 anos levando e traendo pasaxeiros que non se viron recoñecidos por parte das administración”.
Todo un homenaxe a un medio de transporte que está a ser recuperado en cidades como Bilbao ou Valencia pola súa utilidade como medio de comunicación limpo e que supón ademais un reclamo turístico. Imaxina por exemplo o atractivo indiscutible que suporía contar cun tranvía que fixera o percorrido Vigo-Baiona, percorrendo o litoral como facía no pasado.
O titulo da novela fai referencia a estación da Florida, a máis importante que tivo o servizo de tranvía e que era un espazo de lecer que contaba con restaurante e outras atraccións que a converteron nun referente desta empresa.