O BNG denunciaba esta semana que o semáforo da EP-2901 leva tres meses sen funcionar e esixían á Deputación que procedese a súa reparación. Os populares critican a falta de coñecemento do Bloque neste asunto porque aseguran que é responsabilidade do goberno local o mantemento deste semáforo. Lamentan o que cualifican de “un novo e triste episodio” de abandono das parroquias por parte do goberno de Digna Rivas e solicitan o arranxo inmediato deste elemento para garantir a seguridade viaria.
O grupo municipal do PP asegura que as tarefas de mantemento do semáforo do Viso, emprazado na estrada provincial EP-2901 Cesantes-Alxán, correspóndelle ao Concello de Redondela desde hai sete anos, xa que o mesmo foi transferido polo anterior goberno provincial PSOE-BNG. Por este motivo instan ao bipartito municipal que acometa o seu inmediato arranxo.
O voceiro do PP, Javier Bas critica tamén a desinformación do BNG cando poñen este asunto como suposto exemplo de falta de seguridade nas estradas provinciais en Redondela “cando a realidade é que a responsabilidade e culpa desta situación é do goberno de Digna Rivas que o propio BNG colocou malia perder as eleccións para desgraza de todos os veciños do noso concello”.
Finalmente, o voceiro do PP lamentou a falta de funcionamento deste semáforo desde hai tres meses, xa que considera que se trata dun “novo e triste episodio” de abandono absoluto das parroquias por parte do goberno local de Digna Rivas e solicita o seu arranxo inmediato.