A parroquia de Trasmañó arrancou este mércores as festas patronais na honra de San Vicente. Unha programación que se vivirá máis intensamente na fin de semana cunha concentración de vehículos antigos, actividades para os cativos e verbena amenizada polas orquestras Marbella e Escaparate. O día grande será o domingo coa celebración da XIV Festa do Cocido.
Logo das actividades de carácter máis relixioso celebradas o propio día do patrón, o mércores 22, chegan dúas xornadas nas que a gastronomía será a gran protagonista cunha nova edición da festa do cocido. Unha carpa climatizada acollerá durante o domingo a todos eses comensais que se acheguen a Trasmañó a gozar dun completo cocido onde ninguén quedará con fame. Dende a Comisión de Festas, o seu presidente Juan González anima a reservar os tickets que se poden mercar nos teléfonos 663 176 951 e 670 884 419 ou na cafetería Rodeo, en Rande. Confían en repetir o éxito de edicións anteriores onde foron máis de 200 persoas as que se xuntaron neste evento “que suma adeptos ano tras ano, porque quen vén unha vez repite”.
A xornada do sábado será máis madrugadora coa VI Concentración de Vehículos Clásicos xa a partir das dez da mañá. Máis de 120 coches clásicos de toda Galicia e norte de Portugal –vehículos principalmente dos anos 80 e 90 e algún coche menos clásico pero que pola súa exclusividade chama a atención- farán un percorrido pola parroquia e participarán nun sorteo de agasallos.Ao longo da mañá tamén haberá un espazo gastronómico con pulpeira e racións de callos.
Xa pola tarde haberá unha misa e actividades para os máis cativos con cucañas e xogos populares a partir das 17:30 horas.
Nese sábado 25 non faltará a tradicional verbena amenizada polas orquestras Marbella e Escaparate. Comezarán ás 22:00 horas e pasada a medianoite fogos de lucería.
Dende o Concello animan tamén a veciñanza a achegarse a esta cita festiva. Neste sentido a concelleira de Cultura, Rita Pérez, amosou o seu agradecemento “aos veciños e veciñas que fan posible que estas celebracións parroquiais se manteñan e manifestou o compromiso do Concello para seguir colaborando con eles”.

