A entidade reinvéntase co obxecto de atraer un número maior de usuarios a través dun proxecto innovador que leva por nome “Muller, cultura e mar” que está fundamentado en catro piares: a accesibilidade, a promoción do deporte náutico e da contorna, a mellora da eficiencia enerxética e a posta en marcha dunha páxina web. A iniciativa contempla tamén a realización de actividades dirixidas a promover a igualdade de xénero e o empoderamento da muller.
O presidente da entidade, Emilio Sánchez Santorio amosa a súa satisfacción logo de ter acadado unha subvención de 108.000 euros (procedentes da Unión Europea e a Xunta de Galicia). Unha achega económica que lles permitirá poñer en marcha un ambicioso proxecto que ascende a 116.579 euros “un proxecto innovador que sen esta axuda sería inviable, xa que as achegas dos 450 socios cos que conta o Círculo, malia tratarse dunha importante masa social, non permiten acometer obras e actuacións que impliquen un gran investimento económico”.
Un Círculo recreativo que se “reinventa” engadindo a súa programación habitual (cursos, festas gastronómicas, citas musicais e festivas) estas actividades que buscan dar a coñecer a cultura propia da contorna e promover tamén que as instalación permitan o seu uso a persoas con mobilidade reducida e outras discapacidades. Sobre todo, facilitar que o deporte náutico sexa accesible a maior parte da poboación coa realización de obras para a instalacións dunha rampla de acceso ao pantalán e un guindastre que permita a persoas con problemas de mobilidade acceder ás embarcacións.
Entre as actividades a realizar contemplan a proposta “Mulleres palilleiras” ou “Espazo en feminino” coa realización de talleres para reflexionar sobre os coidados en xeral e potenciar a parte creativa e crear vínculos con outras mulleres. Tamén realizarán rutas en grupo ás Salinas de Ulló, e un campamento náutico con persoas de todos os perfiles.
Nesta semana e ata o vindeiro domingo o Círculo Cultural acolle a exposición “Qué tipo de embarcación é?, guía de embarcacións tradicionais de Galicia”, proporcionada por Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). Esta exposición amosa as embarcacións, así como unha explicación gráfica dos tipos de velas e carpintarías de ribeira. Algunhas imaxes amosan por exemplo o Balandro, o Carocho, a Gamela de Coruxo ou a Traiñeira orixinal.
Para completar esta actividade este venres organizan unha charla coloquio baixo o título “Un mar de historias: o trasporte de ría”, coa participación de diferentes poñentes quen se encargará de lembrar o tipo de trasporte marítimo existente entre ambas as beiras da ría así como as carpintería de ribeira neses anos, os tipos de embarcacións e a súa historia. Será mañá día 13 ás 17:00 horas.
