Hoxe é Domingo 14 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Roura: “Recollo o proxecto do Soutomaior despois dun ano histórico marcado polo ascenso a Primeira Galicia”

449530501_18107682019399693_6879284628525763763_n

Raúl González (Redondela), máis coñecido como “Roura”, pasa a ser o novo adestrador do primeiro equipo do CD Soutomaior facéndose cargo do novo proxecto do equipo en Primeira Autonómica, despois do histórico ascenso acadado durante esta tempada que coincide co 50 aniversario do club.

O técnico substitúe a Jaime Calvar que non pode continuar adestrando no Soutomaior debido ao contrato de exclusividade que ten nestes momentos no Celta. Dende a directiva “entenden a situación e agradecen o seu empeño, compromiso e esforzo durante 12 anos no club que deixou unha herdanza moi positiva e fixo historia conseguido o salto á categoría superior e chegando a final da Copa Rías Baixas”.  A Raúl a noticia colleulle por sorpresa, porque “esta circunstancia é algo excepcional, normalmente cando un equipo acada tanto éxito cun adestrador o normal é a continuidade deste e sen embargo, tócame a min recoller unha etapa na que os xogadores e a afección están moi ilusionados e no que se pretende manter unha filosofía de continuidade e positividade”.

“Jaime deixa un club ilusionado e nun bo estado de ánimo”, Roura.

O redondelán conta cunha ampla experiencia neste deporte con traxectoria no Porriño Industrial FC e o CD Choco. A pesar de levar 5 anos apartado do papel de xogador conta unha preparación específica que o dota das habilidades necesarias para enfrontar este novo traballo. Puntualiza que ten todos os títulos posibles como adestrador incluída a licenza de UEFA Pro “o que me facilita trasladar os meus coñecementos aos xogadores que é realmente o propósito”.

“Chego con ilusión e ganas de seguir facendo crecer o club nesta nova categoría”, Roura.

Queda por pechar a incorporación dos técnicos que van a acompañalo. Mantéñense o delegado e o delegado de campo e teñen pensado integrar un preparador físico e adestrador de porteiros, figuras que o ano anterior non existían, co fin de “dar un salto de calidade en sintonía co salto de categoría e optimizar o rendemento”.

“O idóneo é ter diferentes especialistas para diversificar o coñecemento”, Roura.

A plantilla estará formada por 16 ou 17 xogadores que renovan co equipo. A filosofía do club é “fomentar a base” polo que tamén incorporan a un xogador do xuvenil que cumpre a idade necesaria para militar no sénior. “É moi importante manter os valores de compañeirismo e seguir unha meritocracia que garanta a oportunidade de xogar co primeiro equipo a quen o mereza”, engade Raúl.

“Estiven un tempo desilusionado co fútbol e esa ilusión devolveuma o Soutomaior, porque transmiten optimismo e solidariedade”, Roura.

O obxectivo, ademais da permanencia, é “transmitir unha imaxe positiva de Soutomaior e unha das motivacións que me levaron a aceptar a oferta do club é que máis alá dos obxectivos deportivos teñen obxectivos intrínsecos que pasan por un sentimento de unión e valentía para tratar de dalo todo no campo”. Non ten pensado moitos cambios a nivel técnico e valora o traballo de Calvar, polo que aportará a súa perspectiva e manterá a ética do equipo que tamén comparte.

“Cada adestrador ten as súas particularidades, pero as liñas xerais mantéñense sen moitos cambios”, Roura.

Este ano enfrontaranse en tres ocasións ao Arcade co que comparten categoría, un derbi que seguro vai ser moi iteresante. De feito, quere encher o campo municipal de O Salgueirón e anima a afección a continuar co espírito que demostraron ata o de agora. Proxecta con ilusión o Torfeo Concello de Soutomaior que “promete vai ser un evento espectacular”, remata Roura.

Entrevista completa con Raúl “Roura”.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará