Hoxe é Venres 11 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Xunta financiará con máis de 300.000 euros a reconstrución da Igrexa de Reboreda

igrexa

O Consello da Xunta aprobou na xornada de onte a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Tui – Vigo para a reconstrución e consolidación do campanario, fachada e cuberta da Igrexa de Santa María de Reboreda por importe total 343.463,50 €. O templo quedara gravemente danado logo de que un raio impactara contra o campanario en marzo de 2022.

O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio entre a Consellería e a Diocese de Tui-Vigo por máis de 300.000 euros para estas obras que buscan reparar a torre, a cuberta da nave, a bóveda de canón, a instalación eléctrica, a fachada principal e o entorno inmediato da igrexa que se viran danadas por unha tormenta eléctrica hai máis de dous anos cando un  raio impactaba contra este templo do século XVIII provocando danos de relevancia no inmoble. Deste xeito, a intervención centrarase na reconstrución e consolidación do campanario, fachada e cuberta co fin de solucionar os problemas causados.

Para iso, os traballos previstos ao abeiro deste convenio inclúen a reconstrución do campanario empregando as pezas que están actualmente acumuladas na zona do atrio. Así mesmo, tamén se traballará nas partes da fachada que están danadas, substituíndo os elementos que non sexa posible aproveitar. A actuación continuará coa consolidación da cuberta e a instalación dun lucernario, un pararraios e un motor para a campá.

Compromiso co patrimonio

A Diocese de Tui-Vigo é a titular do inmoble e beneficiaria final da axuda, polo que será quen execute os traballos de reconstrución da igrexa. O convenio enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia pola conservación e a protección do patrimonio artístico da Comunidade, así como na colaboración estable que a Consellería mantén coas dioceses galegas para a posta en valor do patrimonio cultural galego.

A Igrexa de Santa María de Reboreda é un inmoble protexido polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben catalogado. Datada en 1736, está construída en planta de cruz latina e conta cunha sancristía anexa e un corredor elevado que comunica a igrexa co veciño pazo de Reboreda.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará