Hoxe é Sábado 18 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela rende homenaxe aos redondeláns deportados nos campos de concentración nazis

colectivo republicano

O Colectivo Republicano xunto co concello homenaxean estes catro deportados de Redondela que acabaron en campos de concentración e cuxo nome foi silenciado ao longo das décadas. Catro stolpersteine (Adoquíns da memoria), cos nomes de Olimpio Marino Míguez Pazos, Antonio Piñeiro Otero, José María González Vázquez e Alejandro Lafuente Pose forman parte dunha pequena exposición que se pode ver no Multiúsos da Xunqueira. A publicación dun libro na súa memoria e a colocación definitiva destes adoquíns completará esta homenaxe.

Homenaxear aos redondeláns que tras fuxir da ditadura franquista acabaron en campos de concentración alemáns é o obxectivo desta iniciativa que consistirá na instalación de catro “Stolpersteine” de forma definitiva para que estean a vista de todos. Mentres non se concrete a súa data de instalación pódense ver na entrada do Multiúsos nunha pequena exposición que se completa coa proxección dun video en bucle do documental “Los últimos españoles de Mathausen´´ de Carlos Hernández. A mostra contará ademáis con algunhas láminas fotográficas da vida cotidiá dos deportados nos campos de exterminio nazis.

Marcos lareira, Colectivo republicano

Dende o colectivo republicano lembran que o pesadelo dos republicanos españois e o dos galegos en particular que dende febreiro de 1939 encheron os campos de acollida franceses, tras a saída de España fuxindo da represión dos fascistas, agravouse no momento no que Francia é ocupada polos alemáns en agosto de 1940. Tras a invasión nazi moitos foron detidos e internados en campos de prisioneiros de guerra, pero pronto perderían esta condición e serían deportados principalmente ao campo de concentración de Mauthausen, e demais campos da morte e exterminio do III Reich.

Pedro Vieitez, Colectivo Republicano

Dos case douscentos galegos deportados, só regresaron con vida arredor de 60. Dos catro redondeláns tan só un logrou sobrevivir.

María Torres e mais Pedro Vieitez decidiron tamén mergullarse nos arquivos para recompliar información sobre estas catro persoas. Como resultado o concello publicará un libriño no que se narran as súas vidas. Unha investigación que arrancou xa catro anos atrás.

Tamén preparan unha homenaxe e volven facer un chamamento para atopar aos seus familiares dos catro veciños da nosa localidade que foron deportados o campo de concentración de Mathausen-Gusen: Olimpio Marino Míguez Pazos, Antonio Piñeiro Otero, José María González Vázquez e Alejandro Lafuente Pose a través do teléfono 986 400300 ou nos enderezos colectivorepublicanoderedondela@gmail.com e cultura@redondela.gal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará