Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello agasalla literatura

cantigas

Redondela aposta nos seus agasallos institucionais por divulgar as sete cantigas de Martín Códax e a única que se conserva de Mendiño.

O Concello de Redondela, a través do Servizo de Normalización Lingüística vén de adquirir un novo libro como agasallo institucional. Desta vez trátase dun libro, en edición coidada con tapa dura, que inclúe as sete cantigas de Martín Códax e a única cantiga que se conserva de Mendiño.

O libro ofrece unha versión facsímile das cantigas, unha edición moderna e unha versión en galego actual para facilitar o acceso aos textos. Como complemento reprodúcense distintas miniaturas medievais tomadas dos cancioneiros orixinais que nos permiten coñecer os instrumentos, a disposición ou as vestimentas que había en Galicia hai arredor dun milenio.

A maiores, este agasallo institucional inclúe un CD coas versións musicais de Martín Códax, conforme á anotación musical do Pergamiño Vindel, e unha versión da cantiga de Mendiño, cunha partitura composta a partir do contrafactume do ofertorio “De profundis clamavi ad te, Domine”. A música foi gravada no interior da igrexa de San Martiño de Ventosela, grazas á colaboración do seu párroco Carlos Rodríguez. Pola súa parte, Paulina Ceremuzynska puxo a voz e Fernando Reyes a cítola. Con esta iniciativa, “dende o Concello de Redondela reivindicamos o valor da lingua galega e da lírica medieval como un verdadeiro activo cultural”, afirma a alcaldesa redondelá.

A posibilidade de escoitar a música e a lingua que existía nesta zona de Galicia hai mil anos é un privilexio que poucos países no mundo teñen. Por este motivo, insiste a alcaldesa Digna Rivas, “este agasallo permitirá que moitas persoas coñezan mellor a nosa historia cultural, tanto literaria como pictórica e musical. Mendiño foi o autor dunha das cantigas máis célebres e coñecidas de toda a tradición medieval. Polo tanto é unha verdadeira fortuna para Redondela situar a San Simón no panorama da arte universal”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará