Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As Sarillas, cando o deporte non ten idade

WhatsApp Image 2022-06-14 at 7.55.15 PM

As Sarillas son o equipo de veteranas do club SAR-Rodavigo onde se dan cita mulleres entre 37 e 55 anos. Algunhas das xogadoras teñen experiencia previa e outras, por primeira vez e xa con certa idade, se animan a aprender balonmán. Despois de 11 anos nas pistas son unha formación  consolidada que compite en torneos por toda España e Portugal.

O equipo formouse en 2010 por iniciativa de nais de xogadoras e xogadores que un día como espectadoras dun partido no Pavillón da Bomboneira tiveron a idea de xuntarse para aprender balonmán. A maioría comezaron de cero e non sabían xogar, pero co tempo foron xuntándose veteranas con ganas de retomar o deporte. Comezaron sendo 8 e xa son 24 as que compaxinan o seu traballo cos adestramentos.

“Moitas xa xogaramos de mozas e sabiamos como era o balonmán”, conta Susana Seijas.

A adestradora do equipo é Sara García, unha ex-xogadora de Prata do equipo redondelán SAR-Rodavigo que dedica dous días a semana a preparar o equipo para as competicións.  Susana Seijas, unha das xogadoras da plantilla, explica que o mais complicado é atopar pavillón adaptado aos horarios de todas.

“Adestramos en moitos pavillóns diferentes de Redondela”, aclara a xogadora.

Susana considera que o máis interesante que aporta “As Sarillas” é o sentimento de compañeirismo e as experiencias que viven todas xuntas. “O principio foi difícil seguir o ritmo dun deporte tan esixente fisicamente, pero o aprendizaxe é levadío e sobre todo divertido”.

“Doe máis a cara de rir que as maniotas de xogar”, explica Susana.

Ao principio existían poucas agrupacións de veteranas coas que podían competir en Galicia, entre elas atopábanse os equipos do Raxueiro, o Teucro, ou o Ferrol Terra. Co tempo comezaron a chegar invitacións de torneos de toda España como Gijón, Oviedo, Valladolid, País vasco ou Asturias. Nestes torneos non so compiten, tamén teñen tempo para o ocio e a festa, pois son o lugar perfecto para coñecer xente e establecer novas amizades.

“Imos a torneos por toda España e tamén Portugal”, conta Seijas.

Este ano ademais de xogar en Oviedo participaron no torneo de Balonmán Praia organizado polo Millo Verde. O sábado 11 de xuño  enfrontáronse As Merengues e As Espartanas, equipos compostos por xogadoras de Redondela en Activo. Perderon os dous partidos, pero o resultado   non é algo que teñan en mente, o que realmente destacan da experiencia é gozar todas xuntas dun día xogando ao balonmán e bañándose nas augas da praia de Cesantes.

“No balonmán praia enfrontámonos tamén a fillas de outras xogadoras”, declara a xogadora.

Susana anima a máis xente a comezar este tipo de iniciativas, xa que non se necesita experiencia previa. Facer deporte e dedicar tempo a unha mesma é algo que todas as Sarillas consideran moi importante teñas a idade que teñas.  

“Invitamos a todo o mundo a facer deporte.”, di Susana Seijas.

A fin de semana do 18 e 19 de xuño teñen marcado no calendario outro torneo en Valladolid, onde xogarán contra equipos sevillanos, asturianos e valisoletanos. Pasaran a fin de semana competindo, facendo deporte e divertíndose con festas e ceas organizadas polas anfitrioas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará