Hoxe é Venres 1 de Xullo de 2022
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG pide á Xunta que actúe diante do grave descenso da produción marisqueira na enseada de San Simón

marisqueo

A fronte nacionalista rexistra unha iniciativa para instar ao Goberno galego a elaborar un estudo sobre as causas desta baixada que sitúan en torno a un 29% e deseñar un plan para reverter a situación. A deputada nacionalista Alexandra Fernández salienta que a situación actual pon en perigo “a supervivencia da actividade extractiva a pé na que traballan centos de mariscadoras das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa”.

O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta actúe diante do drástico descenso da produción marisqueira na enseada de San Simón. A fronte nacionalista insta ao Goberno galego a elaborar un estudo para analizar as causas desta baixada e urxe a deseñar un plan de actuación para resolver o problema, que afecta a centos de mariscadoras a pé das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa.

A deputada nacionalista subliñou que esta problemática leva anos agravándose mentres a Xunta do PP mira cara outro lado. Tal como denuncian as propias mariscadoras, veñen padecendo un grave descenso da produción da meirande parte das especies, en particular de ameixa e berberecho. Só na última década, segundo cifras das confrarías, o volume de descargas caeu por volta dun 29%, mentres o número de traballadoras reduciuse á metade.

Fernández asegurou que as propias confrarías carecen dos medios para dar resposta a esta situación, que ten múltiples factores entre os que se atopan aspectos ambientais e o impacto de infraestruturas e verteduras na ría de Vigo. “É urxente que a Xunta poña en marcha un estudo para determinar as causas exactas desta drástica redución como paso previo a despregar un plan que garanta a continuidade da actividade marisqueira”, demandou a deputada do BNG. Neste sentido, chamou ao Goberno galego a estabelecer unha estreita colaboración co sector para dar cumprimento a ese obxectivo.

Pola súa banda, o voceiro municipal do Bloque de Redondela, Xoán Carlos González, criticou que o Goberno galego lle dea as costas novamente a un sector que tradicionalmente producía marisco de calidade. “A recuperación medioambiental da Enseada San Simón constitúe un obxecto estratéxico para que os nosos produtos do mar sigan sendo de calidade”, destacou.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará