A Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén ENCORO NON cualifica de desafortunada a carta enviada polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, urxindo á aplicación das medidas propostas no estudo encargado pola Confederación Hidrográfica Miño Sil que contempla a construción de encoros e o transvasamento desde os ríos Verdugo e Oitavén, “solucións que consideramos ineficaces, costosas e un auténtico atentado medioambiental sen precedentes en Galicia”.
Así, a voceira da Plataforma, Pilar Fernández, salientou que “a urxencia á que se refire o secretario de Estado está en facer un uso responsable da auga e non en construir “canto antes”, transvasamentos e encoros”.
Desde a Platarforma apóstase por alternativas que non supoñan unha nova agresións aos ríos Verdugo e Oitavén que, como recoñece o propio secretario de Estado de Medio Ambiente no seu escrito onde lle di á Conselleira que “non representa unha solución ao problema de abastecemento debido a que durante os meses de verán a canle nesa punto é moi reducida e non chega a ser superior a canle ecolóxica”.
Para a Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén ENCORO NON a solución pasa por un sistema de xestión da auga que poña en valor este ben, cada vez máis escaso, e que fomente un uso responsable do mesmo, con políticas de concienciación cidadá, sendo solidarios e comezando polo aforro fronte ao despilfarro xa que estamos en tempos de evidente cambio climático.
Por outra banda, a Plataforma ENCORO NON sigue a sumar apoios e xa hai novos colectivos, entre Comunidades de Montes, Asociacións de Veciños, Mulleres Rurais, Asociacións Culturais, Comunidades de Augas e Confrarías de Pescadores e Mariscadoras, que se están a sumar a este movemento veciñal e social e que están a artellar novas accións reivindicativas en defensa dos ríos Verdugo e Oitaven continuando na liña que xa iniciara coas mobilización que se celebraron en Ponte Caldelas ou actividades como a eliminación de invasoras e a Xornada da Biodiversidade, accións coordinadas por A Rente do Chan dentro da Plataforma.