A espera de coñecer os datos concretos de cada un dos comercios participantes, dende a Asociación de Empresarios, promotora do evento celebrado este sábado, valoran moi positivamente unha xornada que encheu de movemento o centro da vila durante todo o día, no que foi “un auténtico sábado de compras”.
Veciños que acudían chamados polos descontos e promocións dos diferentes comercios participantes eran os primeiros en achegarse xa a primeiras horas da mañá a unha cita comercial que busca promover os sábados de compra e fidelizar aos clientes do comercio local.
Unha xornada que se foi animando ao longo do día grazas ao bo ambiente e ao tempo que, malia os días anteriores de precipitacións, deixaban un tempo espléndido para pasear pola rúa e ir achegándose a eses postos que cada un dos participantes instalaban diante do seu establecemento ou en diferentes puntos das rúas.
Un ambiente festivo que valoran dende a Asociación de empresarios, que salientan as “boas sensacións” dun evento que non desbotan se poida volver a repetir “incrementando e integrando a totalidade dos comerciantes” que nesta primeira edición xa se sumou masivamente coa participación de máis de 60 establecementos.