Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As rúas de Redondela volven encherse de monicreques

DSC_0888

O XXIII festival de Títeres de Redondela volve a “normalidade” despois das restricións da pandemia e recupera as súas datas de celebración habituais neste mes de maio. Unha programación que se desenvolverá dende este xoves e ata o martes 17, con máis de 80 actuacións de 31 compañías de títeres internacionais e galegos.

A programación presentouse esta mañá da man do director do festival, Luis Crespo, quen estivo acompañado de alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a Concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, o Deputado provincial, Carlos López Font e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

As funcións teatrais darán comezo este xoves ás 20h da tarde no Auditorio da Xunqueira co espectáculo “Plastic Heroes” do artista israelí Ariel Doron. A obra está realizada mediante o uso de obxectos como xoguetes, iPads, iPhones ou vídeo, e está destinada a maiores de 14 anos. O venres continuará coa compañía de teatro francesa Campagnie La Salamandre.

Xa o sábado arrincará a programación de rúa que volverá este ano con total “normalidade”. Hai previstas un total de 74  funcións no Salgueiral, na Praza do Concello, a Pista da Xunqueira, o Palco da Música, os Soportais e o Campo da Petanca. Propostas todas elas de balde e sen reserva previa, polo que se aconsella ao público chegar con tempo. Os espectadores poderán gozar con compañías chegadas dende todas as partes do mundo: Arxentina, Italia, Portugal, Madrid, Aragón e por suposto, Galicia.

O director do festival, Luis Crespo, engade que ademais dos monicreques ”a música estará moi presente nesta edición con concertos que se engaden ás exposicións, instalacións e o mercadiño tradicional”. Entre os concertos atópanse Paco Nogueiras, Latexo Percusión, Uxía Lambon e a Banda Molona, Cé orquestra pantasma, Pakolas e Breocáns, e agrupacións como The Turre’s Band, Fanfarria Furruxa, Os Alecríns ou a Charanga Bicoia.

“Se hai que destacar unha compañía esa é Tanxarina”, destaca o director.

A Casa da Torre acollerá a instalación de Alauda Teatro ‘Ingenii Machina’, unha proposta da compañía de Castela e León na procura de achegar e difundir, dun xeito ameno divertido, os segredos da mecánica clásica. Unha actividade para xogar e descubrir o funcionamento dos autómatas, os monicreques xigantes ou realizar xogos de habilidade, que se poderá visitar de maneira ininterrompida dende o sábado.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, resalta que esta edición volverá todo a “normalidade” e considera “que é moi importante recuperar este referente cultural que é o noso escaparate nacional e internacional”. O tempo vai acompañar a esta celebración e confían que medre a afluencia de xente. “Para poder aloxar a algunha compañía tivemos problemas porque os hoteis están todos cheos”.

“O festival é gratuíto e para todos os públicos”, engade a alcaldesa.

A partir deste Xoves podemos desfrutar no festival máis internacional de Redondela e celebrar a cultura de maneira entretida e educativa grazas aos títeres. Este ano animan a  aos espectadores a participar na celebración a través da súa vestimenta. O público pode mesturarse cos espectáculos itinerantes e disfrazarse de exploradores ou animais fantásticos para interactuar e mesturarse co ambiente alegre e festivo que teremos na vila.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará