Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A policía local de Redondela sen servizo varias horas tras “múltiples e repentinas baixas”

poli local

A alcaldesa Digna Rivas, lamenta que os axentes da Policía se negaran a facer horas extras para cubrir o servizo e explica que debaixo das “numerosas e sosprendentes baixas que se produciron a menos dunha hora de comezar as súas respectivas quendas”, atópase un conflito laboral no que a Policía local “cre estar por enriba do resto do persoal do Concello” e ao marxe dos acordos de mellora de condicións salariais e laborais acadados coa Mesa de negociación e sindicatos.

Rivas, cualificou hoxe de “irresponsable” a negativa da Policía Local, comunicada á Alcaldía polo xefe de servizo, de facer horas extras para cubrir “as múltiples, sorprendentes e repentinas baixas” de axentes comunicadas, curiosamente, a menos dunha hora de comezar os seus respectivos servizos.

Debaixo destas “baixas repentinas” subxace un conflito laboral no que a Policía Local “cree estar por enriba do resto do persoal do Concello, tanto en condicións laborais como salariais”, asegura a alcaldesa, quen lembra que hai escasamente un mes, centrais sindicais e Goberno local acadaron un acordo de mellora salarial e de condicións laborais “para todos los traballadores e traballadoras do Concello”, documento que foi cualificado polos sindicatos como “histórico” e que daba resposta ás reivindicacións do persoal “desatendidas polos anteriores Gobernos conservadores”.

Digna Rivas lembra que todo o conflito emana “das esixencias da Policía Local dun Plus de Produtividade moi superior ao pactado cos sindicatos e aplicable ao resto do persoal”. De ceder a ditas esixencias –4 €/hora por nocturnidade e 3,5 €/hora por sábados, domingos e festivos fronte ao 3 €/h e 2 €/h pactado coa Mesa de Negociación– “produciríase un agravio comparativo co resto do persoal municipal e estaría fora dos pactos acadados cos representantes sindicais nunha mesa de traballo na que tamén estaba presente a propia Policía Local”, asegura a alcaldesa.

A fin de evitar un conflito coa Policía Local “que repercutiría directamente sobra a veciñanza e incluso en contra do convencemento da alcaldesa de que todos os temas que afecten ao persoal deben tratarse na Mesa de Negociación”, asegura o Goberno local, a Alcaldía leva a Pleno en outubro deste ano, a aprobación do Plus de Produtividade ao non existir unha partida orzamentaria para a súa aplicación “e dado que os propios partidos da Corporación municipal urxían a adopción de medidas que evitasen unha situación de seguridade grave”.

Pese a esa “urxencia” os partidos da Corporación –PP, BNG e AER– optan por votar en contra “ao non estar contemplado ese Plus nos acordos da Mesa de Negociación”. Ao Goberno local sorpréndelle, sobre todo, a negativa de AER que “como membros do executivo local que eran antes da súa autoexclusión, coñecían perfectamente o problema e os esforzos que dende o Goberno local se estaban a facer por evitar a situación”.

A alcaldesa asegurou que, pese a actual situación, “o Goberno Local seguirá a traballar por buscar unha solución” e lembra que, dende a súa chegada ao Concello “o Goberno socialista sempre apoiou ás reivindicacións da Policía Local” e, cun enorme esforzo, “dotou ao servizo dos medios –tanto materiais como humanos– que dende a Policía Local se solicitaban e que paliasen a situación de esquecemento en que os tiñan os anteriores gobernos conservadores”.

Finalmente, Digna Rivas, que fai un chamamento “á responsabilidade”, lembra que a seguridade, tanto da veciñanza como dos seus bens, “está máis que garantida grazas ao esforzo extra que realizan a Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil”, aos que a alcaldesa traslada o seu agradecemento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará