Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela suma 41 casos de violencia de xénero con seguimento policial

Concello de Redondela_Protocolo VioXén_COMP

A día de hoxe no municipio de Redondela existen 41 casos activos de violencia de xénero, segundo datos recollidos no Sistema VioXén, o programa de seguimento integral de vítimas. Esta cifra supón case o 75% do total de casos activos en todo o partido xudicial, do que forman parte tamén Soutomaior, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, e que aglutina o 2,76% das denuncias rexistradas na provincia de Pontevedra. O 68% das vítimas da localidade son menores de 45 anos.

O balance confirmouno a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que onte presidiu en Redondela a Xunta Local de Seguridade do Concello, na que participaron a alcaldesa, Digna Rivas, e o comisario xefe da Comisaría Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel. Na xuntanza renovouse o acordo de colaboración entre a Policía Nacional e Policía Local no marco do programa VioXén. Redondela é o terceiro municipio da provincia que renova este documento, cun novo protocolo que recolle o reparto de funcións e asignación de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais. Larriba agradeceu “o compromiso do Concello de Redondela e da alcaldesa ao renovar o protocolo”, así como a labor da Policía Nacional “que traballa arreo na protección de todas as mulleres vítimas de malos tratos”. A subdelegada lembrou a importancia de renovar estes acordos “para que as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

O sistema VioXén foi posto en marcha no ano 2007 polo Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional “que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos e dos seus fillos en calquera parte do territorio estatal”. O programa permite aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar toda a información dos diferentes casos.

As autoridades lembran que existen dous teléfonos de axuda e información ás vítimas de violencia machista: 016 e 112. Tamén poden contactar coas liñas de apoio psicolóxico no número 682 91 61 36 e por WhatsApp no 682 50 85 07.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará