Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela réndese ao escritor Diego San José

RR_Noticias

Un auditorio da Xunqueira cheo era o escenario no que a familia do escritor madrileño recibía o recoñecemento de Fillo Adoptivo. Un acto no que se lembrou a súa importancia literaria cunha ampla obra xornalística e narrativa pero tamén o seu amor pola Vila dos Viadutos, que supuxo un rexurdir para o escritor logo de pasar preto de catro anos no penal de San Simón polo seu apoio á república e á causa democrática.

O escritor Juán Manuel de Prada lembraba que Diego San José (Madrid 1884-Redondela 1962) foi un “home ao que lle perseguiu o infortunio pero que soubo convertelo en escola de vida e transformalo en beleza na súa obra”. Palabras de lembranza e homenaxe que se escoitaron este venres no acto de entrega á familia do escritor do título que o acredita como Fillo Adoptivo de Redondela e no que o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, lembraba como a través do mestre Reveriano Soutullo, San José entrou por primeira vez en contacto con Redondela. Unha terra que visitaría todos os veráns e que o “engaiolou” até o punto de levar o seu nome á prensa madrileña. A morte de dúas das súas fillas e a Guerra Civil rematarían coas súas visitas a Redondela onde só regresaría anos despois en condición moi diferente, como represaliado, condenado a morte e con destino o penal da Illa de San Simón. A pena máxima non se cumpriría e finalmente, San José, quedaría en liberdade condicional no ano 1944. Manuel Puga lembraba como o autor non se rendeu nunca e seguiu escribindo na prensa local, primeiro baixo un pseudónimo logo coa súa sinatura. O escritor refaría a súa vida en Redondela, coa axuda de Ernestina Otero e José Regojo, e non tardou en formar parte activa da vida social e cultural da vila, até o seu falecemento en 1962. Nesta acollida facía fincapé a filla do autor, María del Carmen San José, a intervención máis emotiva, que agradecía o recoñecemento ao seu pai e lembraba como Redondela e os seus veciños acolleron a Diego San José e a súa familia nun dos momentos máis difíciles da súa vida sendo aquí onde rexurdiría logo de pasar preto de catro anos encarcerado. Un acto no que se gabou a ampla obra escrita do autor, dende a faceta xornalística, narrativa ou histórica. Un escritor, que como destacaba Manuel de Prada, tiña unha gran habilidade para todos os xéneros e a través da escritura enfrontouse á dor. Un recoñecemento que contou “cun sentir social amplamente admitido”, en palabras do alcalde de Redondela, Javir Bas, que destacaba a unanimidade que suscitou esta distinción non só entre o pleno da corporación, que aprobaba por unanimidade esta distinción o 29 de novembro de 2018, senón tamén de distintos colectivos e asociacións, entre eles os dezaseis colectivos locais que promoveron este recoñecemento. A filla do escritor era a encarga de recoller o título de Fillo Adoptivo, nun acto que estivo amenizado pola música de Reveriano Soutullo interpretada polo pianista Alejo Amoedo e a coral Voces Graves e que remataba coa descuberta dunha placa na rúa Afonso XII, onde residira Diego San José.  

Alcalde Javier Bas
Bas lembraba a unanimidade que suscitou o nome de Diego San José para ser proposto como Fillo Adoptivo
Filla Diego San José
María del Carmen San José agradecía a distinción e lembraba o papel que xogou Redondela na vida do seu pai e de toda a familia
Manuel Puga pte Fundación Penzol
Puga foi un dos promotores deste recoñecemento e lembraba o vínculo do escritor madrileño coa vila
Escritor Juán Manuel de Prada
A extensa traxectoria de San José foi lembrada polo excritor quen fixo fincapé na súa versatilidade

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará