Unha delegación do sector da pesca de baixura e o marisqueo de Galicia viaxou a Bruxelas “para defender os intereses do sector ante as institucións comunitarias”. Nesa delegación participou Clemente Bastos. O Patrón Maior da Confraría de Redondela advirte que é necesario que a normativa comunitaria diferencie “entre a pesca artesanal e a industrial” para evitar a desaparición da pesca de baixura.
A visita, organizada pola deputada do BNG Ana Miranda, está vinculada cos fondos comunitarios pesqueiros para o período 2021-2027, actualmente en negociación. Os traballadores do sector confían que as súas demandas sexan incluídas na revisión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Onte entrevistáronse con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea. Os propios mariñeiros teñen claro que a non inclusión das súas demandas nesa revisión “suporá a extinción da pesca artesanal galega”. O patrón maior redondelán cualifica como “urxente” que a normativa europea faga unha clara diferenciación entre a pesca artesanal e a pesca industrial en cuestións como os descartes. De non ser así, “a flota de baixura estará condenada ao amarre”, segundo Bastos. Por iso convidaron aos responsables europeos de pesca a visitar as rías galegas e coñecer “de primeira man” as artes de pesca que se empregan, e que son “sustentables e respectuosas co medio”. Outra das demandas expostas, é a necesidade de recoñecer as enfermidades profesionais no sector do marisqueo, que afectan sobre todo ás mariscadoras polas súas condicións de traballo, como reuma, o lumbago e a artrose. Despois desta xornada de traballo, a eurodeputada Ana Miranda elaborará as emendas aos fondos comunitarios marítimo pesqueiros, cuxo prazo finaliza de presentación finaliza este venres. Na delegación participaron, ademais do patrón maior de Redondela, os seus homónimos de Cangas, A Illa de Arousa e Rianxo, representantes dos depósitos da ría do Burgo, Fisterra e Muros; a alcaldesa de Moaña, o concelleiro de Mar de Fisterra e o secretario do Consello Regulador do Mexillón.
Unha delegación visitou Bruxelas para dar conta dos problemas que atravesa o sector.
Reclaman da UE unha distinción entre pesca artesanal e industrial.
A administración non recoñece como enfermidades profesionais ás que afectan ás mariscadoras como reuma o lumbago e a artrose.