As reivindicacións dos veciños de Cedeira e San Estevo de Negros foron protagonistas do pleno da tarde de onte, con berros, pitos e cacerolada. Os veciños acusan ao goberno de non apoiar as súas protestas e de non facer nada por evitar os prexuízos que lles están a causar as obras do AVE.
O pleno ordinario do mes de setembro, que se celebrou na tarde-noite de onte, comezou con polémica. Poucos minutos despois de que se iniciara a sesión, presidida por Carlos Pazos, como alcalde accidental, o concelleiro popular Alberto Pazos foi expulsado da sala, tras ser chamado á orde en tres ocasións, logo de que fora desestimada unha cuestión de orde referente a unhas publicacións feitas nun medio de comunicación. Alberto Pazos abandonaría a sala acompañado dun axente da policía local antes de que comezara a sesión. O edil popular acusou a Carlos Pazos de prevaricación e retouno a que expuxera cal era a cuestión de orde que ía presentar e por que non lle deixou continuar na súa exposición. Os populares afirmaban que o pleno carecía de legalidade xa que a delegación de Xaime Rei en Carlos Pazos non aparecía reflectida na acta do día. Despois do incidente a sesión comezaba seguindo a orde do día coa aprobación do crédito de tres millóns de euros solicitado polo concello, que contou coa abstención do PP e do PG. A voceira dos populares, Francisca Canal, xustificou a abstención do seu grupo por considera que o crédito endebedará ao concello e sen motivo, xa que segundo dixo, se o goberno soubera xestionar adecuadamente o orzamento e as achegas institucionais, como as da Deputación de Pontevedra e do Goberno Central, non sería preciso solicitar ningún crédito. Ademais, a popular asegurou, que se está facendo unha mala xestión dos fondos, dedicándoos a obras que non lle benefician aos veciños de Redondela. Canal cualificou de frívolo a construcción dun spá en Chapela, cando a parroquia carece de gardería, ludoteca ou piscina. Pola súa banda o edil do Partido Galeguista, Alejandro Bastos pedía que do crédito non só se beneficiara o casco urbano de Redondela senón tamén todas as parroquias do concello. O concelleiro de Economía e Fancenda, Emilio González Iglesias, lembroulle aos populares, que nunha situación de crise o concello seguirá apostando pola obra pública, xa que consideran este o mellor xeito de actuar para axudar á poboación e subliñou que a débeda do concello está na metade da capacidade de endebedamento permitida por lei. O outro punto que suscitou controversia entre goberno e oposición foi a aprobación inicial do regulamento de uso do servizo municipal de préstamo de bicicletas. Os populares criticaron ao goberno por traer esta cuestión ao pleno meses despois de que o servizo estea en funcionamento. Malia consideralo positivo, Francisca Canal, afirmou que boa parte de Redondela non dispón de zonas adaptados para circular con este tipo de vehículos, pola falta de beiravías e o elevado tráfico de camións que soporta moitas das estradas do concello. O regulamento foi aprobado coa abstención do PP e do PG. Por último o Partido Popular anulaba a comparecencia de o Concelleiro de Tráfico, Eduardo Reguera, ao que ían cuestionar sobre as medidas que vai pór en marcha o seu departamento para solucionar os problemas de tráfico, despois de que Alberto Pazos fora expulsado do pleno. No exterior da casa consistorial unha trintena de veciños de San Estevo de Negros e o Val do Maceiras protestaban, con berros, pitos e cazolas polos prexuízos das obras do AVE. Os veciños acusan ao goberno de non apoiar as súas reivindicacións e de non facer nada por solucionar os problemas de ruído, po en suspensión, a seca dos mananciais ou o tráfico pesado que soporta a estrada N-555.