A xefa de estudos do centro critica o traballo adicional que supón a tramitación das novas axudas para os libros, nun persoal que se atopa saturado de carga laboral.
Unha multitude de pais aliviados e de nenos ansiosos por comezar esperaban esta mañá ás portas do colexio da Avenida Mendiño. Non podía ser doutro xeito, pois os nenos de Redondela forman parte deses máis de 193.000 estudantes de educación infantil e primaria que comezaron hoxe o curso escolar nos centros galegos. Un inicio de curso que se viu marcado polos cambios no sistema das axudas dos libros de texto que promoveu o novo goberno da Xunta. O executivo de Núñez Fijoo decidiu substituír o sistema de aluguer gratuíto e universal do bipartito polo chamado sistema de gratuidade solidario, que prima as axudas para as familias coas rendas máis baixas. Entre os pais dos nenos que comezaron hoxe as clases en Redondela, hai opinións para todos os gustos sobre este cambio no sistema de subvención dos libros dos seus fillos, pero boa parte deles consideran a medida positiva. A xefa de estudos do centro, pola súa banda, súmase ás protestas dos directores dos centros de educación de toda a comunidade, que se queixan pola carga extra de traballo administrativo que supón a tramitación das novas axudas. Para María Ares, trátase dunha nova carga de traballo para un profesorado xa de por si insuficiente. Malia o seu descontento, dende o colexio público de Redondela non teñen previsto unirse á protesta dos centros de Vigo e Pontevedra, que decidiron remitir as axudas sen tramitar á Consellería de Educación. María Ares tamén se lamentou da imposibilidade de ofrecer un servizo de comedor neste centro redondelá, que para ela sería moi ben recibido pola comunidade de pais, pola falta de sitio. Alleos a todas estas polémicas atopábanse os cativos que hoxe comezan as clases, que na súa meirande parte se amosan felices de poder volver ao colexio. Os motivos, ver de novo aos amigos e non aburrirse polas mañás.