A banda Paraphernalia @paraphernalia_rockband continúa abríndose paso na escena do rock galego cun proxecto propio, cargado de enerxí e dentro do estilo hardrock que os define. O grupo, con raíces en Pazos de Borbén, está formado por Tania á batería e voces, Bruno á guitarra, Arturo ao baixo e Dai como vocalista e letrista principal.
Aínda que se definen principalmente dentro do hard rock, os seus integrantes recoñecen influencias moi variadas. “Cada tema ten unha cousa distinta”, comentan. Entre as súas composicións hai espazo para sons máis próximos ao punk, ao metal, ao funk ou mesmo ao ska, construíndo unha identidade propia que, segundo aseguran, “hai que escoitala”.
Un dos temas máis representativos desta etapa é “Break It”, o primeiro single da banda, acompañado dun videoclip gravado integramente en Pazos de Borbén. “Quixemos facelo aí porque é onde xurdiu Paraphernalia e porque é unha terra preciosa”, explican. A gravación realizouse nun único día e contou coa dirección e montaxe de Pablo Martínez “lyer” @keep.your.way.
No directo, Paraphernalia aposta non só pola música, senón tamén pola interpretación e a conexión emocional co público. Dai, influenciado polo teatro, o mimo e o clown, converte cada concerto nun espectáculo dinámico no que a expresión corporal e a interacción coa xente teñen un papel fundamental.
A banda aposta claramente polas composicións propias fronte ás versións. “Tiñamos moi claro o que queriamos facer”, afirman. As cancións adoitan nacer de improvisacións nos ensaios, riffs espontáneos ou ideas que cada integrante leva ao local. Así foi tamén como naceu “Break It” que contou coa axuda de Suso Valcárcel na gravación profesional.
En paralelo, o grupo continúa buscando novos escenarios para dar a coñecer o seu repertorio. O próximo 30 de maio actuarán na Sala Master Club de Vigo xunto á banda Animal Scrape.


