A redondelá cursa cuarto curso na Universidade de Santiago de Compostela, en Lugo, e explica as esixencias dunha titulación con numerosas saídas profesionais máis alá das clínicas de animais de compañía.
“Cando pensamos en Veterinaria, o primeiro que nos vén á cabeza son os cans e os gatos, pero esta carreira ofrece moitas máis posibilidades”. Así resume Lara García, veciña de Redondela e estudante de cuarto curso de Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela (USC), a amplitude dunha titulación que abrangue desde a atención clínica ata a investigación, a industria alimentaria ou a saúde pública.
A través da sección Carreira de Fondo, Lara compartiu a súa experiencia universitaria e explicou como chegou a estes estudos, que materias e prácticas forman parte da formación e cales son as oportunidades laborais que ofrece a profesión.
Todos os camiños son válidos: un acceso á carreira a través da FP
O seu acceso a Veterinaria non foi directo desde o Bacharelato. Ao non acadar a nota necesaria para entrar na titulación, decidiu cursar o ciclo superior de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico. Posteriormente, realizou as materias específicas da ABAU para mellorar a súa cualificación e conseguir unha praza.
Lara considera que esta vía pode ser unha boa alternativa para quen non consiga acceder directamente á carreira, xa que permite adquirir coñecementos e chegar á universidade con maior preparación. Porén, sinala que, malia existir contidos comúns entre o ciclo e Veterinaria, non lle recoñeceron créditos de materias que xa estudara. Por iso, reclama que esta situación cambie, unha reivindicación que, segundo explica, o estudantado leva anos poñendo sobre a mesa.
A súa principal mensaxe para quen estea pensando en cursala é que non debe vivir a duración dos estudos como unha carreira contra o reloxo. “É unha carreira de resistencia, non de velocidade”, sinala. Considera que tardar cinco, seis ou mesmo nove anos en rematar a titulación non determina a capacidade dunha persoa para exercer a profesión. O importante, defende, é completar a formación sen descoidar a saúde mental.
Para rematar, Lara apunta que, malia estar recoñecida legalmente como profesión sanitaria, a Veterinaria non recibe o suficiente recoñecemento institucional e social. Chama a atención sobre o papel dos veterinarios na protección da saúde pública, na prevención de enfermidades e na seguridade alimentaria, e reclama unha maior consideración para unha profesión cuxo traballo vai moito máis alá da atención aos animais.








