Hoxe é Martes 17 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Nicolás Fernández –  ciclo superior de Mantemento Aeromecánico

A paixón pola aviación acompaña a Nicolás Fernández desde neno. Os avións que sobrevoaban Redondela cara o aeroporto de Peinador espertaron unha curiosidade que co paso dos anos acabou converténdose no seu camiño profesional. Hoxe, este mozo de Redondela traballa no sector aeronáutico despois de completar o ciclo superior de Mantemento Aeromecánico de Avións con Motor de Turbina, unha formación aínda pouco coñecida, pero con numerosas posibilidades de futuro.

Nicolás destaca especialmente a importancia da responsabilidade nesta profesión. Non se trata unicamente de coñecer o funcionamento dunha aeronave, senón de comprender que cada intervención pode afectar directamente á seguridade das persoas que viaxan nela. “É un traballo no que tes que ser moi consciente do que estás facendo e corroboralo con outra persoa. O traballo en equipo é vital”, explica.

O acceso ao mundo laboral require, ademais, continuar formándose unha vez rematado o ciclo. Segundo sinala, a obtención da licenza de mantemento implica superar exames específicos e acumular experiencia profesional. As prácticas, que se realizan durante os últimos meses da formación, son unha das oportunidades máis interesantes para achegarse ao sector. No seu caso, puido realizalas en Palma de Mallorca, unha experiencia que lle permitiu coñecer de primeira man o funcionamento dunha empresa aeronáutica.

Unha das particularidades desta profesión é que o traballo realizado no taller acaba acompañando tamén a quen o desenvolve cando viaxa como pasaxeiro. “Ás veces estás voando nun avión no que hai cinco horas estabas cambiando un motor ou unha roda”, comenta Nicolás, que recoñece que agora se fixa moito máis nos detalles e que “nunca está de máis revisar unha tarefa unha vez máis”.

A satisfacción chega tamén cando ve despegar unha aeronave na que participou. “É un orgullo poder facer que a xente volva á casa e vexa os seus familiares”, afirma. Unha motivación que compensa o esforzo dunha formación esixente, con exames intensos e materias que requiren constancia.

Para quen estea pensando en seguir un camiño semellante, Nicolás ten claro o consello: manter a curiosidade, organizarse e non tirar a toalla. Tamén recomenda non deixar o estudo para o último momento e preguntar todas as dúbidas que xurdan durante as clases. “O que máis pregunta é o que máis sabe”, asegura.

A súa experiencia pon o foco nunha saída profesional que adoita quedar á sombra doutras figuras máis visibles da aviación, como pilotos ou tripulacións, pero sen a que sería imposible manter os avións no aire.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp