A artista local Mai Villar presenta unha nova proposta expositiva na Galería Mínima Expresión, situada na fachada da Discotasca (Rúa Pai Crespo), onde durante os meses de novembro e decembro se poderá visitar Barzakh e Os paxaros do Paraíso (Càccari Àjjana). Unha exposición que combina unha instalación artística na neveira expositora do establecemento con cinco cadros no interior do local para achegar ao público unha realidade especialmente dura: a morte de persoas, tamén nenos e nenas, nas travesías migratorias por mar cara a Europa.
A mostra nace da preocupación de Villar polas desigualdades e polas problemáticas do sur global, unha inquedanza que está moi ligada á súa experiencia como voluntaria en Senegal a través da ONG Da Man. As viaxes ao continente africano permitíronlle coñecer de primeira man as dificultades ás que se enfrontan moitas comunidades e achegarse ás historias que hai detrás das cifras da migración. CORTE
“Para min é moi importante utilizar as armas que cada un ten para facer esa denuncia social das cousas que non funcionan e que están levando miles e miles de vidas”, explica a artista, que considera fundamental non perder de vista que detrás de cada noticia sobre un naufraxio hai persoas con nomes, familias e proxectos de vida.
O título da exposición fai referencia ao termo árabe Barzakh, presente no Corán, que describe ese espazo de tránsito entre a morte e o acceso ao paraíso. A palabra cobra unha dimensión especialmente tráxica cando se relaciona coa expresión popular “Barça walla Barzakh”, que se podería traducir como “Barcelona ou a morte”. Unha frase que, segundo explica Villar, resume a percepción que teñen moitos mozos e mozas africanos da emigración a Europa.
As miradas infantís adquiren un protagonismo especial na exposición. As fotografías pertencen ao traballo de Eli Regueira, fotógrafo que acompaña a ONG Da Man nas súas viaxes a Senegal e que documenta os proxectos que se desenvolven sobre o terreo. Villar escolleu cinco destas imaxes para darlles unha nova lectura artística, rodeándoas de mares de cores e movemento.
O subtítulo, Os paxaros do Paraíso, fai referencia á tradición islámica segundo a cal os nenos e nenas que falecen antes de chegar á puberdade son considerados almas puras que acceden directamente ao paraíso. Con esta referencia, a autora quere dignificar a memoria das vítimas máis pequenas e, ao mesmo tempo, reivindicar a infancia como símbolo de futuro.
A exposición tamén está atravesada por unha reflexión sobre as causas da emigración. Villar lembra que “a realidade africana non se pode entender sen ter en conta as consecuencias históricas do colonialismo, a explotación dos recursos naturais e as desigualdades que aínda condicionan o desenvolvemento de moitos países”.
A artista insiste ademais en que non existe un único perfil de persoa migrante. “Hai moitísima emigración que ten traballo en Senegal, moitísima xente titulada, con carreiras”, explica, fronte á idea estendida de que quen decide emigrar o fai sempre por carecer de recursos básicos. A falta de oportunidades laborais, as dificultades para desenvolver proxectos de vida e a percepción dunha maior prosperidade en Europa tamén inflúen nestas decisións.
Neste sentido, destaca a importancia do labor das organizacións que traballan nos países de orixe para ofrecer información e alternativas. Tamén destaca o traballo de organizacións como Open Arms, da que forma parte, que desenvolven iniciativas para achegar información ás comunidades de orixe e ofrecer alternativas ás persoas que se están a plantexar emprender a viaxe migratoria.
Mai Villar adianta que continuará traballando en novas propostas e que xa ten outros proxectos en marcha. Mentres tanto, as persoas interesadas poden coñecer o seu traballo a través do perfil de Instagram @maivillart ou achegarse á Discotasca, na rúa Pai Crespo, para visitar a exposición durante os meses de novembro e decembro.






