O podcast Onda Torrella conta hoxe cun novo colaborador: Lipe, ou o que é o mesmo, Felipe Catalán. Desde a súa infancia entre Vigo e Cesantes ata a súa adolescencia na Vila, Lipe irá debullando os recordos que marcaron o seu camiño, as persoas que lle deixaron pegada e algunhas das anécdotas familiares que aínda hoxe lembra con humor.
A música será o fío condutor desta conversa, cunha banda sonora que vai de Queen a Mala Rodríguez, pasando por Los Suaves, Ojete Calor, Michael Jackson e Extremoduro. Cada canción terá o seu significado e estará ligada a un momento ou a unha persoa importante na súa vida.
Tamén haberá tempo para falar da súa etapa skater, da guitarra, das súas coleccións, do teatro e das xiras internacionais con Pablo Méndez que o levaron a Arabia Saudita.

Onda Torrella tamén estrea un novo capítulo da “metasección” As Torrellas de Vanderlux, coa participación de Hugo Amoedo. Nesta ocasión, Hugo presenta unha nova entrega inspirada en dúas lecturas recentes: I remember, de Joe Brainard, e Je me souviens, de Georges Perec. Dúas obras que exploran a relación entre a memoria persoal e a memoria colectiva e que serven de punto de partida para esta nova proposta, a que non imos adiantar máis detalles para non estragar a sorpresa.








Galería de fotos do traballo de Lipe.


