Hoxe é Venres 23 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cael Andrew acada un quinto posto no Mundial júnior de kickboxing

cael

O deportista do Kick Boxing Club Arcade e vixente campión de España de Soutomaior, Cael Andrew, foi recibido no salón de plenos do concello polo alcalde Manu Lourenzo, e o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, tras a súa participación no Campionato do Mundo júnior de kickboxing disputado en Jesolo (Italia).

Andrew, de 17 anos, rematou na quinta posición da categoría de menos de 57 quilos, quedando ás portas das medallas nunha competición que reuniu miles de deportistas de 60 países. O representante do club de Arcade caeu ante o británico Michael Wyatt, que posteriormente se proclamou campión do mundo.

Nado en Malaisia en febreiro de 2009, Cael reside en Arcade desde os tres meses de idade e leva anos vinculado ao deporte local. A súa actuación no Mundial consolida a súa proxección nunha disciplina na que xa acadou o título estatal.

Durante a recepción, Manu Lourenzo felicitou o deportista polo resultado e polo traballo realizado para chegar a unha competición deste nivel. «Cael é un exemplo do talento e do esforzo que temos no deporte local. Competir nun Mundial con deportistas de 60 países e quedar ás portas das medallas é un logro do que debemos sentirnos orgullosos en Soutomaior», sinalou o alcalde.

Lourenzo tamén puxo o foco no papel dos clubs e das persoas que traballan no deporte de base: «Detrás destes resultados hai moitas horas de adestramento, compromiso e dedicación, tanto por parte dos deportistas como dos seus adestradores. Desde o Concello queremos recoñecer ese traballo e seguir apoiando o deporte e as entidades que fan posible que a nosa veciñanza medre tamén a través del».

O adestrador de Cael, Manuel Álvarez, destaca del a súa capacidade técnica, rapidez e habilidade, así como a variedade de recursos que emprega tanto en ataque como en defensa.

O Concello de Soutomaior trasladoulle os seus parabéns polo resultado acadado e animouno a continuar traballando para afrontar novos retos deportivos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará