Hoxe é Sábado 17 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A confraría recibe 10.000 euros para a rexeneración dos bancos marisqueiros

confraría

A axuda municipal destinarase a rexenerar os bancos marisqueiros con semente de ameixa. O sector busca así compensar a complicada situación que atravesa debido á redución de capturas que provoca o cambio climático na ría. A entidade conta actualmente con 145 socios e socias.

O Concello de Redondela acolleu o acto de sinatura do convenio coa Confraría de Pescadores San Xoán. O acordo asinárono a alcaldesa, Digna Rivas, e a Patroa Maior do pósito, Nisi Otero. No acto participaron tamén o concelleiro de Emprego e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, e o vicepatrón da Confraría, Fran Pereira. A través deste convenio o Concello achega á Confraría unha subvención de 10.000 euros. Estes fondos servirán para a compra de semente de ameixa xapónica coa que van repoboar os bancos marisqueiros nos que faena tanto o marisqueo a pé como a flote.

Esta intervención faise moi necesaria nun contexto no que o cambio climático está a afectar negativamente ao sector pesqueiro e marisqueiro. A alteración das condicións ambientais e o quecemento da auga están a provocar unha redución drástica das capturas pola elevada mortaldade de especies como o berberecho e a ameixa. Esta crise climática supón un duro golpe para a produtividade e a sostibilidade dos recursos na ría, e especialmente nunha zona tan sensible como a enseada de San Simón.

Na sinatura do convenio a alcaldesa puxo de manifesto o apoio do Goberno local a este colectivo, “que desenvolve unha labor económica fundamental na ría cun traballo artesanal e sostible do que viven ducias de familias do municipio”. Rivas destacou “a gran labor das mulleres que realizan neste sector un duro traballo moitas veces invisibilizado”. Neste sentido a alcaldesa lembrou tamén “a formación pioneira na elaboración e reparación de redes de pesca” que o Concello financiou este ano para as mariscadoras locais. O obxectivo do curso era o de facilitarlles unha alternativa laboral “como complemento ao marisqueo dentro do propio sector do mar”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Miña nai querida!, cada vez que se fala da confraría de Cesantes os datos sobre persoas relacionadas coa mesma son distintos: 50, 82, 145,… Non hai unha cifra que se manteña no tempo.

    https://www.radioredondela.com/2026/07/08/o-marisqueo-a-pe-esmorece-en-redondela-de-350-a-50-mariscadoras-en-vinte-anos/

    O convenio é público? Sería interesante saber se hai especificados indicadores para facer avaliación sobre a resultados deste convenio. Sembrase semente pero despois morre. As causas da morte son varias, e o peor de todo, non depende das accións dos traballadores do mar, senón é por mala depuración, diminución ou aumento da salinidade, contaminación do sedimento,… Soltar eses cartos sen adicar parte a analizar o proxecto, penso que van ser cartos tirados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará