O Concello tramitou a petición ante a Xunta na que solicita que se incorporen dous novos profesionais: unha terapeuta ocupacional a xornada completa e un reforzo de logopedia a media xornada. O servizo, situado no antigo edificio do Conservatorio na rúa Reveriano Soutullo, ofrece atención pública e gratuíta a máis de 60 nenos e nenas de entre 0 e 6 anos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos que presentan trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos.
A petición do goberno especifica que é preciso incorporar unha terapeuta ocupacional a xornada completa e unha profesional de logopedia a media xornada co obxecto de “blindar a calidade asistencial e absorber as necesidades das familias que requiren estes especialistas”. O Goberno local está á espera de que a administración autonómica resolva esta solicitude, considerada urxente para dar resposta á crecente demanda do centro.
O SAT de Redondela funciona como un recurso comarcal de xestión compartida que atende de xeito gratuíto á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. Na actualidade, o centro dá cobertura a máis de 60 crianzas do propio municipio e tamén das vilas veciñas de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou o impacto positivo que este servizo tivo na comarca dende a súa posta en funcionamento, pero incidiu en que “o propio éxito do recurso e o incremento de solicitudes fan que o persoal actual resulte insuficiente”.
O servizo ofrece na actualidade atención coordinada nas áreas de psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica, cunha profesional de cada especialidade. O acceso realízase mediante derivación do pediatra de referencia.









