Hoxe é Xoves 10 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ecoloxistas en Acción reclama investigar a orixe dos vertidos nas praias de Redondela

Foto da bandeira vermella na praia de Cesantes

Os episodios de contaminación microbiolóxica rexistrados este verán nas praias de Redondela volveron poñer o foco no estado das augas da ría. Arealonga, en Chapela, rexistrou dous episodios de contaminación por E. coli durante o mes de xullo, mentres que a praia da Punta, en Cesantes, tivo que restrinxir o baño a comezos de setembro tras detectarse novamente niveis elevados desta bacteria. As últimas analíticas permitiron recuperar a normalidade na Punta o 4 de setembro, pero desde Ecoloxistas en Acción consideran que a reiteración destes episodios evidencia un problema que debe ser investigado en profundidade.

Ana Frieiría, representante da organización ecoloxista, considera que a principal preocupación non está só nos episodios concretos, senón na súa recorrencia. “Non é algo puntual, é un problema estrutural”, afirma. Segundo explica, durante a tempada de baño realízanse controis periódicos da calidade das augas, que permiten detectar cando os niveis microbiolóxicos superan os parámetros establecidos e adoptar medidas como o peche temporal das praias.

Porén, Frieiría reclama que, ademais dos controis sanitarios, se realicen investigacións que permitan determinar a orixe da contaminación. Ao seu xuízo, prohibir o baño cando se detectan valores elevados é unha medida de continxencia, pero non resolve o problema de fondo. “Non se está buscando a causa para poder solucionala”, sinala.

Un dos elementos que considera necesario revisar é a capacidade das infraestruturas de depuración. Frieiría apunta que unha estación depuradora pode quedar pequena ou desactualizada cando aumenta a poboación á que debe prestar servizo. Esta situación pode verse especialmente condicionada durante o verán, cando determinados municipios costeiros experimentan un importante incremento da poboación debido á chegada de visitantes.

Outro dos problemas que sinala está relacionado coa xestión das augas pluviais e residuais. A existencia de redes que non separan adecuadamente ambos os fluxos pode provocar unha maior presión sobre o sistema durante os episodios de choiva. Segundo explica, cando as instalacións reciben volumes de auga superiores á súa capacidade, poden producirse situacións de colapso e alivios que incrementan o risco de contaminación.

Frieiría tamén apunta a posibles vertidos ilegais como outro factor que debería ser investigado. Neste apartado menciona tanto posibles descargas procedentes de autocaravanas e embarcacións como problemas relacionados con sistemas particulares de saneamento.

Desde Ecoloxistas en Acción reclaman, por tanto, unha maior vixilancia e control por parte das administracións competentes. Frieiría considera que tanto o Concello como a Xunta e os organismos encargados da protección ambiental deben investigar a orixe dos episodios e actuar cando se detecten incumprimentos da normativa.

As consecuencias dos vertidos, segundo advirte, non se limitan á prohibición temporal do baño. A presenza de E. coli é un indicador de contaminación fecal e pode representar un risco para a saúde, mentres que a chegada de materia orgánica e nutrientes ao medio acuático pode alterar o equilibrio dos ecosistemas.

Neste sentido, Frieiría relaciona tamén a contaminación das augas co estado ambiental da ría e coa actividade marisqueira. O exceso de nutrientes pode favorecer determinados procesos de proliferación de algas e reducir a dispoñibilidade de osíxeno na auga, afectando ás especies presentes no ecosistema.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp