Hoxe é Martes 8 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

David Lago: prata na Olimpíada Informática Internacional e dobre grao de Matemáticas e Enxeñería Física

David Lago Alonso xa está en Barcelona para comezar unha nova etapa despois dun ano extraordinario. O estudante redondelán, que vén de rematar o Bacharelato no IES Pedro Floriani cunha das mellores notas da PAU de Galicia, conseguiu este verán en Uzbekistán a súa segunda medalla de prata consecutiva na Olimpíada Informática Internacional. Na competición participaron 375 estudantes de 97 países e David foi o único integrante da delegación española que acadou unha prata.

A aventura universitaria xa comezou para el. David trasladouse a Barcelona e instalarase nunha residencia situada moi preto da universidade. De feito, tivo que viaxar antes do inicio oficial do curso porque as clases introdutorias de matemáticas comezaron o 2 de setembro. “A miña idea é estudar un dobre grao”, explica o redondelán, que cursará Matemáticas e Enxeñería Física na Universitat Politècnica de Catalunya.

A súa chegada á universidade prodúcese a través do programa CFIS, un centro de formación interdisciplinaria que selecciona estudantes con alto rendemento e permite cursar este tipo de dobres titulacións. David destaca tanto o prestixio da universidade como as posibilidades que ofrece o programa. “É un programa onde buscan seleccionar talento”, sinala, ao tempo que valora a oportunidade de “aprender con xente con intereses semellantes”.

Non será, en todo caso, un reto sinxelo. O dobre grao concentra nun período duns catro anos e medio os estudos de dúas carreiras e implica unha carga lectiva superior á dun grao convencional. David calcula que terá arredor de 40 créditos por cuadrimestre e recoñece que “é basicamente obrigatorio poñerse as pilas”, aínda que tamén considera que haberá tempo para estudar e desfrutar da experiencia universitaria.

Por agora, David aínda non ten decidido cal será o seu futuro profesional. As Matemáticas e a Enxeñería Física ofrecen numerosos camiños e o estudante prefire agardar a coñecer mellor as diferentes materias antes de escoller.

Entre esas posibilidades están tanto a investigación como o mundo empresarial. Segundo explica, estudantes que xa pasaron por este programa acabaron seguindo camiños moi diferentes: algúns optaron por continuar coa investigación e facer un doutoramento, mentres que outros incorporáronse directamente a empresas. O propio centro mantén convenios con compañías, principalmente dos sectores dos semicondutores e do trading, que ofrecen bolsas e oportunidades laborais.

Un ano para lembrar

A chegada á universidade pon o punto final a un curso no que David encadeou unha competición tras outra. Foi campión da Olimpiada Informática Galega, terceiro na Olimpíada Informática Española e segundo na Iberoamericana, onde conseguiu a medalla de ouro. Finalmente, en agosto repetiu a prata da Olimpíada Informática Internacional que xa conquistara o ano anterior en Bolivia.

A nova etapa chega acompañada de ilusión, pero tamén de certa morriña. “Estou bastante emocionado e con ganas de empezar”, recoñece David, que admite que lle dá pena deixar atrás Redondela, a familia e o seu círculo habitual. “Dá un pouco de pena abandonar Galicia”, sinala, aínda que ten previsto regresar durante o verán e nas vacacións.

Tamén deixa atrás o IES Pedro Floriani, un centro que considera fundamental no seu percorrido.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp