Hoxe é Xoves 3 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela abre o prazo para o VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo

Entrega.Premio.Sesé.Mateo.2025

Momento da entrega de premios dunha edición anterior

O Concello de Redondela abriu o prazo de presentación de traballos para a sexta edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, un galardón impulsado pola Concellería de Igualdade que busca poñer en valor unha maneira de informar sobre a violencia de xénero e vicaria afastada do sensacionalismo e do morbo.

O premio, dotado con 1.500 euros, está dirixido a profesionais da comunicación que elaborasen pezas xornalísticas capaces de ofrecer unha visión rigorosa desta problemática, protexendo ao mesmo tempo a intimidade e a dignidade das vítimas. O certame está aberto a traballos publicados ou emitidos en medios impresos, radiofónicos, audiovisuais ou dixitais entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta o papel que desempeñan os medios na maneira na que a sociedade percibe a violencia machista. A rexedora defende que o exercicio do xornalismo debe poñer a ética profesional e o respecto ás vítimas por diante de enfoques sensacionalistas. “Non se trata só de informar, senón de facelo con responsabilidade para axudar a combater a violencia”, sinala.

Digna Rivas.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, reivindica a necesidade de seguir mellorando o tratamento mediático da violencia contra as mulleres e as súas crianzas. Neste sentido, aposta por informacións que acheguen contexto, conten co asesoramento de profesionais especializados e dean a coñecer os recursos públicos existentes para a prevención e a denuncia.

Ata o 30 de setembro para presentar candidaturas

Nesta sexta edición poderán participar traballos de calquera xénero xornalístico, entre eles noticias, reportaxes, entrevistas ou artigos de opinión, tanto en galego como en castelán. Cada profesional poderá presentar un único traballo.

O prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026. As solicitudes poderán presentarse presencialmente no Rexistro Xeral do Concello de Redondela ou a través da súa sede electrónica.

No caso de utilizar outros rexistros públicos, será necesario enviar ademais unha copia cotexada da documentación ao correo igualdade@redondela.gal, co obxectivo de garantir a súa correcta incorporación ao proceso de selección.

Un premio que leva o nome de Sesé Mateo

Digna Rivas.

O galardón naceu en memoria de Sesé Mateo, asasinada en Redondela no ano 2017, e pretende manter presente a dimensión humana que existe detrás das estatísticas da violencia machista. Ao longo das súas cinco edicións, o premio foi recoñecendo diferentes traballos de investigación e divulgación centrados en cuestións como o sistema VioGén, a submisión química, o seguimento policial das vítimas, a situación das mulleres migrantes ou a violencia sexual.

Na primeira edición, celebrada en 2021, o premio foi para Patricia Costa, por unha reportaxe emitida en RNE sobre o funcionamento do sistema VioGén. En 2022 o recoñecemento recaeu en Cristina García López, por un pódcast da Radio Galega sobre as violacións por submisión química.

A terceira edición distinguiu o traballo de investigación de Ana González Liste sobre o seguimento policial telemático ás vítimas en Galicia, publicado en Praza Pública. En 2024, Macarena Baena e Laura de Grado foron recoñecidas polo proxecto multimedia Desprotegidas, da revista Efeminista da axencia EFE, centrado na vulnerabilidade das mulleres migrantes.

Na última edición, o premio foi para Cláudia Morán, Marta Otero e Marta Veiga, autoras de Todas as veces que foron un non, unha investigación sobre a violencia sexual publicada na Revista Luzes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará