Andrés Corugueira, Ana Romasanta, Digna Rivas, Gael Couñago e Antonio Cabaleiro
Redondela volverá converterse o vindeiro sábado 12 de setembro nun punto de encontro para os amantes do atletismo coa celebración da VI Carreira Popular Infantil e da V Contrarreloxo por Equipos. As dúas probas están organizadas polo Concello de Redondela en colaboración co Club de Atletismo Redondela (CAR) e desenvolveranse ao longo da tarde, con saída da primeira carreira ás 18.00 horas e da contrarreloxo ás 20.00 horas.
A presentación da cita deportiva tivo lugar este martes no Concello, coa participación da alcaldesa, Digna Rivas, e do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro. Por parte do CAR acudiron a súa presidenta, Ana Romasanta, e os atletas Andrés Corugeira Ligero e Gael Couñago. A xornada terá ademais un significado especial para o club, xa que coincide co seu 14º aniversario.
A primeira das probas será a VI Carreira Popular Infantil, destinada a nenos e nenas nados entre 2011 e 2024. As distancias adaptaranse ás diferentes franxas de idade, desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 1.500 metros para os maiores. A saída e a chegada estarán situadas na rúa Alfonso XII, coa meta fronte á Casa do Concello.
A programación inclúe tamén unha Carreira Inclusiva, con categoría única e aberta a persoas con diversidade funcional, sen límite de idade. A participación nas probas infantís será gratuíta e, a falta de varios días para o peche das inscricións, xa son preto dun cento os nenos e nenas anotados.
Ás 20.00 horas chegará o momento da V Contrarreloxo por Equipos, unha proba de 5 quilómetros con saída no centro da vila e chegada diante do Concello. Os equipos deberán estar compostos por un mínimo de catro e un máximo de seis integrantes. No caso dos equipos mixtos, deberán contar con polo menos dúas persoas do outro xénero.
As inscricións para a contrarreloxo teñen un custo de 8,50 euros, incluídos os gastos de xestión, aínda que o prazo para beneficiarse do prezo reducido, de 6,50 euros, permanecerá aberto ata este venres 4 de setembro. Tanto esta proba como a carreira infantil permiten formalizar a inscrición a través de Cronotec, ata o mércores 9 de setembro ás 20.00 horas.
A organización estableceu premios para os tres primeiros equipos de cada categoría. O equipo gañador recibirá unha cesta de produtos gourmet galegos valorada en 150 euros e un premio económico de 100 euros. O segundo clasificado levará unha cesta valorada en 100 euros e un vale de 60 euros para material deportivo, mentres que o terceiro recibirá unha cesta de produtos gourmet de 75 euros e un vale de 40 euros para material deportivo.
Desde o Concello e o CAR fan un chamamento á participación e animan a persoas de todas as idades a sumarse á iniciativa, tanto para competir como para gozar dunha tarde de deporte e convivencia nas rúas de Redondela.
A actividade conta co patrocinio de Rodavigo, Aqualia, Grupo Lirón, Decoraciones Barciela, Talleres Ponteseca, Edusportia e Grupo Damm.










