A actuación, cun primeiro investimento de 138.000 euros, renovará o firme e instalará unha nova rede de drenaxe de pluviais ao longo de 538 metros para mellorar a seguridade de peóns e condutores
O Concello de Redondela vén de aprobar a adxudicación das obras de pavimentación e mellora da Subida a Trasmañó, unha actuación que busca poñer fin aos problemas de deterioro do firme e ás filtracións de auga que afectan historicamente a esta vía. O proxecto conta cun orzamento inicial de 138.000 euros e permitirá actuar sobre un tramo de 538 metros de lonxitude e 4.643 metros cadrados de superficie.
A intervención irá máis aló dun simple reasfaltado. O proxecto contempla a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais, con tubaxes de PVC e cunetas de drenaxe de formigón, co obxectivo de evitar que a acumulación e filtración de auga continúe danando a estrada. Ademais, renovarase a capa de rodadura en todo o ancho da vía.
Desde o Goberno local sinalan que a mellora terá un impacto directo na seguridade viaria, tanto para as persoas que utilizan a estrada a diario como para os vehículos que circulan por ela. A Subida a Trasmañó é unha vía de comunicación habitual coa zona de Cabanas e con outras parroquias próximas, polo que a súa renovación é considerada unha actuación estratéxica para a contorna.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que o investimento responde ás demandas históricas da veciñanza e ao compromiso municipal coa mellora dos servizos e das infraestruturas nas parroquias. “Esta adxudicación é un paso fundamental para dotar á veciñanza de Trasmañó duns accesos modernos e plenamente seguros”, sinalou a rexedora.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, subliñou que a actuación permitirá abordar as causas do deterioro da estrada. “Non imos limitar os traballos a un simple parcheado de asfalto”, explicou, destacando a importancia do novo sistema de drenaxe para garantir unha maior durabilidade do firme.
Os 138.000 euros desta primeira intervención forman parte do Plan de Investimentos en Camiños Municipais, financiado con cargo ao remanente municipal de 2,7 millóns de euros, destinado á renovación de máis de 60 camiños repartidos polas distintas parroquias de Redondela.
A actuación completarase cun segundo investimento de arredor de 264.000 euros, procedente do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, o investimento total previsto para a renovación da estrada na parroquia de Trasmañó superará os 400.000 euros.
O Concello prevé que os traballos sobre o terreo comecen nas vindeiras semanas. A intervención permitirá así renovar unha das principais vías de acceso da parroquia e mellorar as condicións de circulación nun punto utilizado diariamente pola veciñanza.









