Hoxe é Martes 1 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior reúne 65 pilotos na XX Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba

carrilanas 02

Soutomaior celebrou este sábado a XX Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba, unha das citas deportivas máis consolidadas do municipio, que nesta edición acadou o límite de inscricións con 65 participantes. A xornada combinou competición e ambiente festivo e congregou numeroso público ao longo do percorrido.

A proba estivo organizada polo Concello de Soutomaior, a Escudería Pozovello e a Asociación de Veciños de Pozovello e, ademais de formar parte do calendario deportivo local, foi puntuable para a Copa Galicia. Os participantes competiron en once categorías diferentes, con vehículos de modalidades como madeira, rodamientos, neumáticos, karts, skeleton, gravity bike ou speed trike.

A actividade comezou pola mañá coa verificación das carrilanas e unha primeira baixada de adestramento, que permitiu aos pilotos familiarizarse co percorrido. Pola tarde celebráronse as dúas mangas oficiais, nas que os participantes ofreceron un espectáculo seguido por numerosos espectadores.

Na clasificación desta XX edición destacaron Emilio Cochón, de AC Racing, e Samuel Mallo, de Agecar, xunto co piloto local Nicolás Orge, que conseguiu un destacado resultado na súa participación nesta edición especial da proba.

Unha vez rematada a competición celebrouse a entrega de premios, na que participaron os concelleiros Pablo Garrido e Rosana Comesaña. A programación continuou posteriormente cun sorteo de rifas, unha sesión de DJ e diferentes actividades que prolongaron o ambiente festivo en Arcade de Riba.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a elevada participación alcanzada nesta edición e considerou que chegar aos vinte anos coa inscrición completa “demostra a importancia que esta proba ten para Soutomaior e para o conxunto de Galicia”. O rexedor agradeceu tamén o traballo da Escudería Pozovello, da Asociación de Veciños de Pozovello, dos pilotos, do voluntariado e de todas as persoas implicadas na organización.

Lourenzo felicitou aos participantes e puxo especialmente en valor o resultado acadado polo piloto local Nicolás Orge nunha edición marcada polo aniversario da competición.

Desde a organización tamén destacaron a satisfacción por alcanzar as dúas décadas da Baixada. O presidente da Escudería Pozovello e da Asociación de Veciños de Pozovello, José Daniel Álvarez Raña, sinalou que chegar aos vinte anos supón “un motivo de orgullo” e destacou a resposta do público e dos pilotos durante a xornada.

A Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba pecha así a súa vixésima edición consolidada como unha das principais citas deportivas e festivas de Soutomaior, mantendo unha tradición que continúa atraendo participantes e público de diferentes puntos de Galicia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará