Hoxe é Xoves 27 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP denuncia a “desprotección” da Alameda durante o Entroido de Verán

DSC_0395

Os populares critican a falta de valado dos xardíns, os problemas de limpeza e a xestión das barras, e reclaman transparencia sobre o operativo de seguridade da festa

O PP de Redondela cuestiona o balance “triunfalista” realizado polo goberno local sobre o Entroido de Verán e denuncia diversas deficiencias na organización da celebración. Os populares poñen o foco especialmente na situación da Alameda, que, segundo sinalan, quedou sen o valado que se instalaba en edicións anteriores para protexer os xardíns, unha decisión que, ao seu xuízo, favoreceu a aparición de pintadas e destrozos.

Desde o grupo municipal popular recoñecen o éxito de asistencia ao Entroido de Verán, que consideran “unha das grandes festas que se celebran en Galicia”, pero aseguran que a elevada participación non debe ocultar as carencias que, na súa opinión, presentou o operativo municipal.

O PP cualifica de “neglixencia” a decisión de non protexer a Alameda e lamenta que “a actitude duns poucos incívicos” provocase danos nun dos espazos verdes máis emblemáticos do centro da vila. Os populares reclaman ao Concello que adopte medidas para reparar os desperfectos e recuperar o estado dos xardíns.

A formación tamén critica o estado habitual da Alameda e acusa ao executivo de Digna Rivas de non prestar a suficiente atención ao seu mantemento e conservación. Neste sentido, pide que se poñan en marcha actuacións para mellorar e protexer este espazo.

Outro dos asuntos que o PP quere levar ao Concello é o relativo ao operativo de seguridade despregado durante a festa. Os populares anuncian que solicitarán explicacións á alcaldesa Digna Rivas sobre o protocolo aplicado e reclaman información sobre os incidentes que se puideron producir durante a celebración.

Segundo sinalan, dispoñen de información procedente de diversas fontes sobre posibles incidentes de gravidade, polo que consideran necesario que o goberno local ofreza datos e explicacións públicas. O PP lembra ademais que na edición do ano pasado se rexistraran denuncias por agresión.

“Imos esixir que Digna Rivas dea as explicacións pertinentes porque ata o momento só temos escurantismo e triunfalismo”, sinalan desde a formación popular.

Ademais da seguridade e do estado da Alameda, o PP critica outros aspectos da organización do Entroido de Verán, entre eles a xestión das barras, pola participación de empresas foráneas, así como a limpeza durante e despois da celebración.

Os populares consideran que o éxito de participación da festa debe ir acompañado dun operativo municipal á altura das circunstancias e reclaman ao goberno local que dea conta das decisións adoptadas e dos resultados do dispositivo de seguridade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará