As Tareixas, o trío de música infantil de Redondela formado por José Manuel, Omara e Román, pecharán este mércores 26 de agosto a xira de presentación de Santo Mandil cun concerto ás 19:00 horas na Biblioteca de Ponte Caldelas. A actuación, incluída no programa Ler conta moito e no marco das festas grandes da localidade, servirá como peche dun ciclo iniciado hai dous anos e no que o grupo percorreu numerosos escenarios de Galicia.
O proxecto naceu hai dous anos arredor da creación de cancións dirixidas ao público infantil e medrou ata converterse nun espectáculo e nun libreto-CD con dez temas. Entre eles está A cadeira da avoa, canción coa que As Tareixas conseguiron o premio á Mellor Canción Infantil no concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña. Desde entón, o grupo levou a súa proposta a localidades como A Coruña, Vilar de Santos, Ribadavia, Ribadeo, Vigo, Pontevedra, Moaña ou distintos puntos da contorna.
Un libreto-CD que está a piques de esgotarse
Santo Mandil non se concibiu simplemente como un disco, senón como unha proposta pensada para interactuar co público infantil. O libreto foi deseñado por Anxo Mijan e inclúe debuxos relacionados coas cancións, actividades para os máis pequenos e mesmo algunhas partituras. A intención era que o material puidese prolongar a experiencia do concerto e achegar a música aos nenos tamén fóra do escenario.
A acollida do proxecto fixo que as primeiras edicións estean practicamente esgotadas. Segundo explicou o grupo, quedan apenas oito ou dez exemplares do libreto, que estarán dispoñibles no concerto de Ponte Caldelas para as primeiras persoas que se acheguen. A formación chegou a producir 500 unidades do disco e 300 dos libretos que o acompañan.
Un punto e seguido máis que un punto final O concerto de Ponte Caldelas chega como “fin de xira” e tamén como “fin de ciclo” para Santo Mandil. As Tareixas xa teñen novas composicións preparadas e no concerto poderán escoitarse algunhas cancións que non forman parte do disco, xunto con pezas de música tradicional galega e brasileira.


